Publicador de contidos
Publicador de contidos

Festa da Cachucha e Domingo de Piñata no Carballiño, nunha xornada pasada por auga

Festa da Cachucha e Domingo de Piñata no Carballiño, nunha xornada pasada por auga

Máis dunha vintena de restaurantes participan nunha nova edición 

A chuvia obrigou a suspender o desfile de folións, comparsas e charangas

Foi polas eleccións que trasladaron o domingo de Piñata e a Festa da Cachucha

G24.gal 25/02/2024 15:14 Última actualización 25/02/2024 16:13

Aínda que o tempo de certo non acompaña, hai lugares nos que este domingo toca celebrar. É o caso do Carballiño. Alí máis dunha vintena de restaurantes participan nunha nova edición da Festa da Cachucha. Neste domingo de Piñata aprazado, non faltan nin os disfraces nin o bo xantar. 

Nos restaurantes do Carballiño traballan dende ben cedo. Do menú non hai dúbida, salvo excepcións, toca prato único: cachucha e cocido.

"Hoxe é a Festa da Cachucha e o prato por excelencia é o noso marabilloso cocido, coa súa cachucha, cos seus garavanzos, con todo iso que tan ben nos senta nun día coma o de hoxe", explica Mila González do Mesón Arrabaldo, en Partovia.

Foi polas eleccións de hai unha semana que trasladaron o domingo de Piñata e a Festa da Cachucha a este domingo. Levan días sen aceptar máis reservas, os restaurantes están cheos.  

"Houbo que dicirlle que non a moitísima xente. Mágoa que non houbese máis sitio no que meter xente, pero estamos xa a tope", lamenta José Manuel de la Fuente, da Pulpería Asador Veracruz.

A chuvia obrigou a suspender o desfile de folións, comparsas e charangas, e aínda así...

"De ánimo sempre arriba, a tope de todo sempre, e pasalo o mellor posible sempre, o mellor que se poida", conta o membro dunha das charangas.

A Festa da Cachucha comezou como un xantar popular, 29 anos despois participan máis dunha vintena de restaurantes. Un deles é o Fuchela, de César Álvarez.

"É un día moi divertido porque todos os restaurantes estamos cheos, con animación, coas charangas que veñen con ganas de pasalo ben. A verdade é que un día moi divertido para o pobo e para os restaurantes que están cheos". 

Todas as comarcas lindeiras participan da festa, nunha xornada en que din que o máis importante é xuntarse cos amigos e a familia para despedir o Entroido como ben merece.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade