As Filipinas prometen un xuízo xusto aos presuntos asasinos do coruñés Diego Bello
As Filipinas prometen un xuízo xusto aos presuntos asasinos do coruñés Diego Bello
Entregáronse o pasado día 9 na sede do Poder Xudicial, en Manila, tras case un ano fuxidos
O xulgado de Manila ordenou a entrada en prisión sen fianza dos tres policías
A primeira audiencia do xuízo celebrarase o 1 de marzo de maneira telemática
Nun comunicado datado o luns, o ministro filipino de Xustiza, Jesus Remulla, prometeu un "xuízo xusto" aos tres policías sospeitosos de matar o empresario coruñés Diego Bello, que se entregaron o pasado día 9 na sede do poder Xudicial, en Manila tras case un ano fuxidos.
Os axentes son identificados como o capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Niño Boy Esmeralda, sobre os que pesaba unha orde de procura e captura polo suposto asasinato de Bello en xaneiro de 2020 na illa de Siargao.
Remulla informou os acusados da relevancia internacional que o caso espertou e aseguroulles un xuízo "baseado puramente en evidencias".
O xulgado de Manila encargado do caso ordenou a entrada en prisión sen fianza dos tres policías, dada a gravidade das probas acusatorias que obran en poder da Fiscalía.
A familia sempre sospeitou que os policias actuaron por encargo. Non teñen probas diso. Conservan a esperanza de que a verdade saia a luz no xuízo.
"Nós temos a sospeita de que estes policía non actuaron por iniciativa propia, senón por encargo. Pero esta é unha sospeita e nós o que temos que aferrarnos é ás probas que existen contra os policías."
Para a familia do mozo coruñés asasinado, este é o primeiro paso para que se faga xustiza.
"Para nós é un paso positivo cara ao que desde o principio quixemos, que houbese un xuízo. Que houbese oportunidade de escoitar os policías e saber realmente que pasou."
A primeira audiencia do xuízo celebrarase o 1 de marzo de maneira telemática.
Diego Bello, un coruñés de 32 anos que xogou nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña, morreu cribado o 8 de xaneiro de 2020 na turística illa de Siargao, onde rexentaba un hostal, unha tenda de roupa e unha discoteca.
Os axentes acusaban o español de ser un "narcotraficante de alto valor", e alegaron que deseñaron unha operación para deter a Bello que acabou cun tiroteo despois de que o coruñés supostamente se resistise e disparase contra os oficiais.
Pero un informe acusatorio da Oficina Nacional de Intelixencia tombou todos os argumentos dos policías, que foron formalmente acusados de asasinato por un tribunal filipino o 25 de marzo do ano pasado.
Panuelos, Pazos e Esmeralda non compareceron na vista de lectura de cargos nin noutra posterior programada en maio, o que impulsou unha orde de procura e captura contra eles.