Publicador de contidos
Publicador de contidos

Última fin de semana de xullo con cheo total no arquipélago das Ons

Última fin de semana de xullo con cheo total no arquipélago das Ons

É o segundo territorio, despois das Cíes, máis visitado do Parque Nacional das Illas Atlánticas

Ons énchese de xente esta fin de xullo e as navieiras esgotan os billetes
G24.gal 28/07/2024 13:05 Última actualización 28/07/2024 14:00

O arquipélago de Ons, formado polas Illas de Ons e Onza, é o segundo territorio máis visitado do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Esta fin de semana de xullo, ás portas de agosto, as navieiras colgaron o cartel de non hai localidades.

Non hai billetes dispoñibles ata o martes. En domingos coma este da segunda quincena de xullo aquí hai mil cincocentas persoas, que é o máximo permitido. Mil trescentos que van por libre e uns douscentos que se inscribiron nunha excursión con guía turístico.

Respecto ás Illas Cíes, onde os viaxeiros reservan con meses de antelación e son maiormente de fóra, en Ons o perfil do turista é de xente de preto, moitos galegos, que compran o billete con moi poucos días de antelación.

No ano 2023 visitaron esta Illa máis de 143.000 persoas, o máximo histórico que está en camiño de ser superado neste 2024. 

Catro rutas sinalizadas

Das catro rutas sinalizadas, as máis concorridas son a do buraco do Inferno e a do Faro a 120 metros de altura que ofrece unha panorámica excepcional da inmensidade atlántica. Ons é a segunda máis visitada do Parque Nacional por tras das Cíes. 

"Vén xente local de Galicia, que fai a súa visita unha vez ao ano. Fano porque as illas Cíes xa teñen a súa cota cuberta. A de Ons é unha Illa menos coñecida, pero é certo que unha vez que a coñecen, repiten, recomendan a visita e volven. As vistas son preciosas ata o interior da ría de Pontevedra, os miradoiros moi fermosos, e os areais tamén. Están á altura do Caribe", conta a TVG Lorena Nieto, coordinadora de actividades na navieira Mar de Ons. 

"É a máis humanizada porque houbo unha comunidade de habitantes que se prolongou na historia. Normalmente a xente unha vez que marcha de aquí sempre marcha dicindo que visitaron un verdadeiro paraíso, e os que somos da zona así o consideramos tamén", engade Nuria Búa, guía turística do Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

"Co sol hai moitísima xente, a verdade, é que temos a cota completa. Eu lembro cando aquí viñan só tres ou catro barcos e agora veñen moitos de todos os sitios e con moitos visitantes", relata Adrián de Manolo, 'O pescadilla'.

Ons pertence ao concello de Bueu. Fronte a outras illas salvaxes, como as Cíes, aquí respiran vida de aldea. Ata os anos sesenta aquí vivían cincocentas persoas e había 9 parroquias. 

Pero o segredo leva tempo estando á vista. Praias, sol, auga fría... Non sabemos se o que vén o publica, pero o que si é certo é que o que visita Ons, repite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade