Fin de semana de praia, con máximas de 30º no sur de Galicia
Fin de semana de praia, con máximas de 30º no sur de Galicia
O sol e as altas temperaturas invitaban este sábado a pasar un día nos areais, de terrazas e de gozar de actividades ao aire libre
Fin de semana de sol e calor. O mes de xuño comeza con praias ateigadas e con temperaturas máximas propias do verán.
"Fai un día espectacular, unha temperatura ideal, un día de praia, de tomar algo nunha terraciña, en plan relax", di unha turista.
Moitos pensaron neste mesmo plan para desfrutar desta xornada de descanso.
O sol e as altas temperaturas invitaban este sábado a pasar un día de praia, de terrazas e de gozar de actividades ao aire libre. Moitos elixían Sanxenxo, que xa está a recibir visitantes doutras partes de España e de Portugal.
"Está moi bo o tempo, viñemos porque xa estivemos aquí moitas veces e gústanos moito Sanxenxo", comentaba outro turista.
Neste comezo do mes de xuño en moitas zonas do sur de Galicia as temperaturas máximas roldaron os 30 graos, unha situación que se vai repetir este domingo.
En Vigo, moita xente animouse tamén a aliviar a calor pasando unha xornada de praia e de actividades no mar.
Moitos achegáronse ata Samil, a pesar das restricións e os cortes de tráfico nas principais vías de acceso ao areal, tanto na avenida de Europa como na avenida de Samil, pola celebración da Copa de Europa de Tríatlon e a Copa do Mundo de Paratríatlon.