Publicador de contidos

Publicador de contidos

Traballadores de Correos, en folga para denunciar o seu "desmantelamento"

Traballadores de Correos, en folga para denunciar o seu "desmantelamento"

Están convocados tres días de paro e este mércores manifestáronse en Madrid

Os traballadores critican a precariedade laboral e a falta de carga de traballo

G24.gal 01/06/2022 15:24

Os traballadores de Correos de toda España comezan este mércores o primeiro dos tres días de folga, e protagonizaron unha protesta en Madrid. Din que se está a desmantelar un servizo público que consideran clave.

Denuncian a falta da carga de traballo debido ás altas taxas impostas dende a dirección e tamén que se está a derivar traballo á filial Correos Express operada por autónomos. Os sindicatos estiman que a compañía pública perdeu un 40% do mercado de paquetería e que a situación de Correos é de quebra técnica.

A manifestación, á que acudiu un bo número de carteiros galegos, percorreu as rúas do centro de Madrid ata rematar diante do Congreso dos Deputados.

Traballadores e empresa levan catro anos de desencontros. Dende que accedeu á presidencia Juan Manuel Serrano. A el resposabilízano da actual situación da empresa pública de servizo postal.

Os sindicatos ven unha clara operación de desmantelamento da empresa. Amais da incapacidade da dirección para conseguir carga de traballo a prezos competitivos, denuncian a precariedade do emprego, os recortes do cadro de persoal e a venda de inmobles para facer fronte ás débedas da compañía.

Dende Correos desmenten as acusacións dos traballadores. E aseguran que están en pleno proceso de transformación para adaptarse ás necesidades dos cidadáns e facer fronte á competencia.

Os sindicatos convocantes, UXT e CCOO, falan dun seguimento do 80% e din que Correos se viu obrigada a paralizar as rutas de transporte nos centros das principais cidades do país. Dende a empresa cifran o seguimento da folga nun 12 por cento e din que a actividade se está a desenvolver con normalidade e sen incidentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade