Formoso critica o "silencio cómplice" de Rueda con Ayuso contra o AVE Lisboa-Vigo
Formoso critica o "silencio cómplice" de Rueda con Ayuso contra o AVE Lisboa-Vigo
Pide un posicionamento claro sobre unha infraestrutura clave para o noroeste peninsular
O secretario xeral dos socialistas galegos pídelle a Alfonso Rueda un pronunciamento claro sobre a conexión do Ave Lisboa-O Porto-Vigo. Critica o que considera un "silencio cómplice" do presidente da Xunta en funcións con Ayuso en contra deste proxecto da liña de alta velocidade.
Nun acto electoral do Partido Socialista portugués, González-Formoso acusou os populares españois e lusos de torpedearen unha infraestrutura básica para o noroeste da península.
"Non entendemos este ataque coordinado entre Ayuso e o alcalde de Lisboa para prexudicaren unha infraestrutura que fortalecería os dous países polo norte se se aposta por ela", asegurou González-Formoso.
O líder dos socialistas galegos asegura que fronte a este posicionamento das dereitas española e portuguesa, a conexión Lisboa-O Porto-Vigo é unha prioridade do Goberno español e do Goberno socialista portugués que pode saír das urnas o vindeiro domingo.