Publicador de contidos
Publicador de contidos

Formoso deixará a dirección dos socialistas galegos no próximo congreso do PSdeG

Formoso deixará a dirección dos socialistas galegos no próximo congreso do PSdeG

Subliña de novo o seu apoio a Besteiro para que "dote de estabilidade" o partido e obteña un "magnífico resultado" dentro de catro anos

EP 27/02/2024 13:41 Última actualización 27/02/2024 13:55

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, confirmou este martes que deixará a dirección dos socialistas galegos no próximo congreso que celebre a formación.

Así o destacou ao ser preguntado polos xornalistas nun acto celebrado en Oleiros, onde sinalou que o seu "papel" na dirección finaliza "cando finalice o congreso".

Formoso dixo que se centrará no seu traballo como presidente da Deputación da Coruña e como alcalde do Concello das Pontes e aproveitou para volver mostrar o seu apoio ao candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, para que "dote de estabilidade" o partido e obteña un "magnífico resultado" dentro de catro anos.

O xefe de filas dos socialistas galegos xa avanzou o pasado mércores, tras a reunión da executiva do PSdeG en que a formación analizou os resultados dos comicios galegos, que o partido afrontaría "cambios orgánicos" desde a "tranquilidade" e que o futuro pasaba por Besteiro.

Todo iso despois de que nas eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o pasado 18 de febreiro os socialistas lograsen só 9 deputados, cinco menos que en 2020, no que supón o seu peor resultado histórico.

Comité Nacional

Así, o PSdeG reunirá este sábado ao seu comité nacional, o máximo órgano de decisión entre congresos, para facer unha reflexión sobre o resultado electoral e o futuro do partido.

Queda por ver se a formación decide finalmente adiantar a data para o congreso en que o PSdeG renovará á súa dirección, e que segundo os prazos previstos nos estatutos da formación debería celebrarse a finais de 2025.

Por último, na súa intervención atribuíu o resultado electoral á "polarización política e mediática brutal" que viraba arredor do BNG e ao PP, "obviando ao resto dos candidatos". Nun contexto, ademais, no que, conforme apuntou, Besteiro só tivo "un mes e medio" para darse a coñecer, fronte a unha Pontón que "leva oito anos como candidata" e a un Rueda que estivo "dous anos de presidente e 14 de vicepresidente".

Ademais, aproveitou para rexeitar que o 18F supuxese un "plebiscito" sobre Feijóo como, na súa opinión, expuña o PP; nin que signifique que o "31 %" da cidadanía galega "é soberanista", como, ao seu xuízo, "reflexiona o BNG".

"Para nós a reflexión está clara", sostivo, para sinalar que pasa por "recuperar ao partido", "darlle estabilidade" e "apostar polo candidato" para que "teña tempo para que Galicia o coñeza" e para "inmiscirse en todos aqueles asuntos que son importantes para a cidadanía galega". Deste xeito, mostrouse convencido de que "o resultado será moi distinto".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade