Publicador de contidos
Publicador de contidos

Formoso prefire a reforma do Estatuto para asumir a competencia sobre o litoral

Formoso prefire a reforma do Estatuto para asumir a competencia sobre o litoral

O secretario xeral dos socialistas galegos matiza que "en beneficio das familias que viven do sector mar-industria, apoiará tramitar a lei autonómica do litoral"  

González Formoso asegura que "non se ve desautorizado por Besteiro"

Ana Pontón cre que a lei do litoral vai quedar en "papel mollado"

G24.gal 04/05/2023 14:30

O secretario xeral do PSdeG admitiu este xoves que el tamén preferiría unha reforma do Estatuto para que Galicia asumise as competencias en materia de litoral pero remarcou que, en beneficio das familias que viven do sector mar-industria, apoiará tramitar a lei autonómica de litoral.

Valentín González Formoso di que non se sente desautorizado polo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Esta semana xurdían discrepancias a conta da postura dos socialistas sobre a lei autonómica de litoral remitida pola Xunta ao Parlamento e aclarou que a preferencia da súa formación sería que Galicia asumira a competencia do litoral mediante unha reforma estatutaria. Neste sentido, subliñou que a súa formación estaría disposta a “asumir o compromiso de acoutar a reforma do Estatuto soamente a esta cuestión” a pesar de que cren que serían pertinentes cambios de maior calado.

Formoso lembrou que manter inamovible o Estatuto desde fai máis de catro décadas “está a lastrar o futuro deste país” e responsabilizou diso o PP, xa que a única vez que se tentou unha modificación deste texto legal foi durante o Goberno liderado polo socialista Emilio Pérez Touriño.

O secretario xeral do PSdeG insistiu en que a lexislación enviada pola Xunta ao Parlamento presenta carencias. Subliñou que durante a tramitación na Cámara lexislativa, o PSdeG impulsará modificacións para evitar que os populares aproveiten esta norma para aplicar na costa galega “barra libre” a proxectos hostaleiros, entre outros. “Imos mellorar o proxecto de lei”, comprometeuse o líder do PSdeG que tamén se ofreceu a facer de interlocutor entre o Executivo central e o autonómico ao tratarse dunha cuestión clave para o futuro de Galicia.

O BNG cre que a lei do litoral vai quedar en "papel mollado"

A portavoz nacional do BNG afirmou este xoves en Vigo que a lei de xestión integral do litoral non ten futuro.

“Esta lei vai ser papel mollado, entre outras cousas porque para poder ordenar o litoral tes que ter competencias nesta materia e nós non as temos”, dixo Ana Pontón.

Pontón tamén lembrou que esas competencias continúan sendo estatais, circunstancia da que culpou o Goberno autonómico de Alfonso Rueda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade