Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francisco Castro dimite como director de Galaxia

Francisco Castro dimite como director de Galaxia

O escritor e editor di non sentirse apoiado pola empresa logo da polémica xurdida polas acusacións do tamén escritor Alberto Ramos, quen nunha entrevista criticou o xeito en que levaba a editorial

G24.gal 18/09/2023 13:54

Francisco Castro presentou este luns a súa dimisión como director xeneral da editorial Galaxia alegando que a empresa se negou a emitir un comunicado que “desarmase as acusacións” contra a súa persoa no contexto dunha entrevista publicada por Praza Pública o pasado 8 de setembro ao escritor Alberto Ramos, autor publicado pola propia casa editorial.

Castro colgou un comunicado nas súas redes sociais en que explica que entende que “non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas”.

O ata o de agora director de Galaxia refírese a unha entrevista na que Alberto Ramos, gañador do premio Repsol coa novela ‘Os corpos dos Romanov’, cuestiona o proceso de edición de Galaxia, do que di que foi “desconcertante”, entre outras cousas, porque non recibiu sequera un borrador de contrato ata oito meses despois da publicación da novela ou porque a editorial manobrou para forzarlle a cambiar o título.

Pero, ademais, critica con dureza a Castro, ao que acusa de utilizar toda a maquinaria de comunicación e difusión da editorial para publicitarse a si mesmo como autor na semana do pasado 8 de marzo, cando puxo no mercado o seu propio ‘Se isto é un home’, acusándoo de oportunista e de ocupar un espazo que non lle correspondía nun momento en que terían que destacar as mulleres.

Tamén, entre outras cousas, asegura que nas lapelas de ‘Tantos anos de silencio’, outra novela de Castro, a editorial escribiu que o director xeral e escritor gañara a práctica totalidade dos premios literarios de Galicia, o que Ramos cualifica de “falsidade”.

Agora, Castro reaccionou presentando a súa dimisión e cargando contra a presidencia da editorial e contra o seu conselleiro delegado.

“A miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento”, afirma Castro no escrito.

O xa exdirector xeral lembra como se fundou Galaxia e por que, e afirma que "se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa”, carece de sentido para el seguir á fronte.

Castro defínese a si mesmo como “un escritor e un activista da nosa cultura” e afirma que continuará defendendo o “ideario fundacional de Galaxia” alí onde vaia a partir de agora, para finalizar afirmando que “as institucións culturais permanecen, mentres que as persoas pasan”

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade