Frustran un intento de fuga do centro penitenciario de Monterroso
Frustran un intento de fuga do centro penitenciario de Monterroso
O preso, reincidente, foi atrapado cando xa sorteara un aramado de tres metros de altura
Este episodio rexistrouse días despois da agresión sufrida por un funcionario en Bonxe
Un preso do centro penitenciario de Monterroso protagonizou un intento de fuga que acabou sendo frustrado polos funcionarios do cárcere. O interno aproveitou que estaba a ser trasladado a unha actividade formativa para escapar ás carreiras.
Na súa fuxida, logrou saír do edificio principal, e unha vez fóra, subiu a un tellado e saltou por un aramado de tres metros de altura. Finalmente, cando xa estaba a piques de alcanzar o muro exterior, foi interceptado e inmobilizado.
Manuel Vázquez, delegado de CSIF de Prisións: "Intentou acercarse a unha zona exterior, onde hai distintas zonas de seguridade, e nese traxecto xa o colleron os compañeiros. Non tiña ningunha posibilidade de saír, cuns muros de catro metros, alarmas e todo".
O interno que tratou de escapar da prisión monterrosina é un home novo, de complexión atlética, que xa contaba con máis intentos de fuxida no seu historial.
De feito, este episodio, que se rexistrou días despois da agresión sufrida por un traballador no cárcere de Bonxe, provocou malestar entre os funcionarios.
Manuel Vázquez: "Mandan internos con intentos de fuga noutros centros a estes onde hai presos con pequenas condenas ou próximos a saír, cando tiñan que estar en centros de réxime pechado. Aquí non poden facer unha vida en semiliberdade porque non se adaptan".
O preso que intentou fuxir encóntrase agora nun módulo de illamento, á espera de ser trasladado a outro centro penitenciario.