Galicia amplía ata o 15 de xaneiro a campaña de vacinación contra a gripe
Galicia amplía ata o 15 de xaneiro a campaña de vacinación contra a gripe
O 76,5 % da poboación con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando en máis de catro puntos o dato rexistrado na campaña do pasado ano
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia prorrogou dúas semanas máis a campaña de vacinación contra a gripe, polo que se estenderá ata o próximo 15 de xaneiro.
Tal como informou o Goberno galego, o obxectivo é posibilitar que se poidan vacinar todas as persoas que aínda non o fixeron ata agora, pertenzan ou non aos grupos de poboación cuxa vacinación contra a gripe está indicada.
No que vai de campaña, o 76,5 % da poboación con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando en máis de catro puntos porcentuais o dato rexistrado na campaña pasada a estas alturas. Ademais, das persoas de entre 65 e 69 anos xa se vacinou o 65 %, case oito puntos máis que en 2021.
Por todo iso, o Executivo autonómico animou aos galegos a que se vacinen, sobre todo a aqueles que forman parte da poboación diana. Tamén agradeceu aos profesionais sanitarios o seu labor para protexer a saúde dos cidadáns.
"A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra que a vacina é a mellor ferramenta de prevención para evitar as complicacións que pode ocasionar esta enfermidade de carácter infeccioso-respiratorio", sentenciou.