Galicia conmemora o día de Rosalía con celebracións en Padrón e Santiago
Galicia conmemora o día de Rosalía con celebracións en Padrón e Santiago
Padrón acolleu actos oficiais do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro
Santiago, onde naceu hai 186 anos, tamén acolleu unha ofrenda floral
O BNG propón converter Santiago en "cidade de Rosalía de Castro"
Estamos no Día de Rosalía. O aniversario de tan ilustre nacemento ten os actos centrais de celebración en Santiago e en Padrón.
"Con Rosalía naceu para todos unha alegría e unha esperanza. Celebramos que hai 186 anos que naceu e... lévaos moi ben Rosalía de Castro estes 186 anos. Está moi viva", eran as palabras do presidente da Fundación para abrir en Padrón as conmemoracións do día de Rosalía.
No acto onda o monumento do Espolón, rapazas e rapaces de sexto de primaria do colexio público Flavia foron encadeando poemas da escritora. Antes de partir para o acto en Santiago, a localidade natal da poeta, pedímoslle ao presidente da fundación que nos ampliase a afirmación que sobre Rosalía de Castro fixo ao inicio da conmemoración.
"Está viva, porque a facemos nós viva. Todo o pobo galego a fai viva, porque para o pobo galego é algo que nos une e nos uniu e nos unirá sempre. É algo que nos representa en Galicia e no mundo", sinala Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
E se hai algo que non falla nunha celebración, é o punto gastronómico. O Día de Rosalía desde hai uns anos ten o seu. Sérvese en cunca con ingredientes que recolle o poema Miña casiña, meu lar.
"Faise con verza galega. A verdura que todo mundo ten na casa, un pouco de fariña munda, algo de unto. Xuntou todo e creou unha receita. Unha maneira de lembrala e conmemora con todos", di Juan José Santana, encargado de Pulpería Rial.
É o caldo de gloria e sérveno de balde ata o domingo. Ademais de na de Rial, noutros sete locais de hostalería de Padrón. E na celebración do día de Rosalía, tamén está no primeiro plano a música, desta vez co grupo Os Carapaus.
Ao mediodía, os festexos conmemorativos trasladáronse a Santiago onde se depositou unha coroa de flores preto do lugar onde naceu Rosalía, seguida da lectura do seu poema 'Miña nai' por parte de alumnos do colexio Casa do Neno da capital galega.
Continuaron no Hostal dos Reis Católicos e na tarde do xoves rematarán cun concerto de Belém Tajes na casa-museo da escritora en Padrón.