Galicia conta cun valioso patrimonio botánico espallado polos parques e xardíns
Galicia conta cun valioso patrimonio botánico espallado polos parques e xardíns
Espazos de historia e natureza enmarcados nos pazos, alamedas e castelos
Paseos para o verán que son todo un pracer para os sentidos
Os pazos galegos destacan a primeira vista pola súa arquitectura en pedra, pero adoitan agochar auténticos remansos de paz nos seus marabillosos xardíns. Especies exóticas traídas de mundos afastados hai varios séculos e que seguen vestindo de gala estes predios. O pazo de Oca, na Estrada, presume dun dos xardíns barrocos máis antigos de Galicia.
Moitos destes espazos están declarados de Excelencia Internacional e mesmo algúns están incluídos na Ruta de Xardíns Históricos Europeos polo seu gran valor botánico e patrimonial como acontece co pazo de Rubiáns, en Vilagarcía.
A auga brota como fío condutor da natureza en forma de estanques, de regatos ou de fontes, creando unha relaxante banda sonora que cautiva os visitantes. As árbores senlleiras son outro dos tesouros máis prezados dos parques e xardíns galegos.
Un paseo pola natureza que nos leva a coñecer a historia do noso patrimonio a través das visitas guiadas. Agora no verán, a sombra, frescura e tranquilidade destes recunchos chaman a quen quere fuxir do barullo das praias e das cidades buscando unha atmosfera íntima e bucólica.