Galicia é a comunidade onde é máis barato facer a compra
Galicia é a comunidade onde é máis barato facer a compra
Se falamos de cidades, hai dúas galegas entre as máis baratas: Lugo e Vigo
Un veciño de Lugo ou de Vigo gasta un 8 por cento menos na cesta da compra ca un de Madrid
Segundo a OCU, no último ano o noso gasto en alimentación medrou máis dun 5 por cento. O bo é que os prezos se están contendo.
Un veciño de Lugo ou de Vigo gasta un 8 por cento menos na cesta da compra ca un de Madrid ou Gran Canaria. As dúas cidades galegas están entre as máis baratas, segundo a OCU.
"Vigo é unha cidade na que están moi ben os prezos", afirma un vigués. Outro veciño de Lugo considera que "si cando comparas con grandes cidades, pero para ser Lugo chegalle ben".
Na rúa son moitos os que cren que de barata ten pouco. Isto é porque os prezos dos produtos seguen a estar altos.
"Está cara a froita, a carne o peixe, está caro todo, así que de barata nada", di unha muller. Para unha veciña de Vigo: "Nin no mercado nin no supermercado, está todo igual de caro"
O bo é que a suba destes prezos comeza a conterse, pero de momento non freou o gasto.
"O gasto medio anual por fogar incrementou, ascende a 6.342 euros", explica Ileana Izverniceanu, directora de Comunicación da OCU.
Os que máis notan a diferenza de gasto son os que se moven á hora de comprar.
"Está máis caro fóra de Vigo por Baiona e por aí que aquí", asegura unha viguesa.
O gasto non só dependerá da cidade onde compremos, tamén do establecemento.
"Eu son das que mira as ofertas", di unha consumidora. Outra cre que "buscando sempre encontras".
No estudo analizáronse 238 produtos, en máis de mil establecementos. O que máis subiu foi o aceite de oliva, un 70 por cento. E outro aceite, o de xirasol, o que máis baixou. En xeral, facer a compra en Galicia é máis barato, xa que, segundo este estudo, a nosa comunidade lidera a lista das máis baratas.