Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia e Murcia acordan "unir lazos" co Camiño de Santiago e impulsar Caravaca Xubilar

Galicia e Murcia acordan "unir lazos" co Camiño de Santiago e impulsar Caravaca Xubilar

Rueda salienta que as compostelás aumentaron un 30 % en xullo

O presidente da Comunidade de Murcia, Fernando López Miras, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tras a sinatura do acordo de colaboración entre o camiño da Vera Cruz e o camiño de Santiago, este martes en Caravaca de la Cruz (EFE / Marcial Guillén).
G24.gal 30/07/2024 10:53 Última actualización 30/07/2024 12:07

O presidente da Rexión de Murcia Fernando López Miras e o presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda asinaron en Caravaca de la Cruz (Murcia) un protocolo de colaboración con motivo da celebración do Ano Xubilar.

Trátase, segundo López Miras, de "sumar vontades e axuntar sinerxias en dúas realidades que teñen moitas similitudes e acenos en común".

Rueda, pola súa banda, afirmou que co protocolo é posible "intercambiar experiencias" e outra serie de cuestións.

"Podemos intercambiar a nosa visión, os nosos puntos en común, que son moitos, o noso convencemento de que as peregrinacións, tanto como fenómeno relixioso como na parte turística, que a ten e é moi importante e que hai que coidar especialmente, son aspectos que creo que poderemos enriquecernos mutuamente", dixo.

Tras a firma do protocolo no Centro de Acollida do Peregrino, dirixíronse ao Concello para asinar no libro de honra, e acompañados de medio centenar de mozos achegáronse á Basílica onde tivo lugar unha cerimonia relixiosa en que se sacou a sacra reliquia da Cruz de Caravaca para ser bicada polos peregrinos.

Posteriormente, ambos os dous presidentes asinaron no libro de honra da Confraría da Vera Cruz e visitaron o museo existente na Basílica, co que deron por concluída esta visita.

As compostelás aumentaron un 30 % en xullo

O presidente da Xunta congratulouse do grande éxito que tivo o Camiño de Santiago este ano sen ser Xacobeo, dado que houbo en xullo un incremento dun 30 por cento, con 65.000 compostelás entregadas, e subliñou que a maioría dos que chegan son estranxeiros e que destes o país con máis visitante son os Estados Unidos.

Rueda indicou que tanto Santiago como Caravaca levan centos de anos sendo lugar de peregrinación, pero no caso da cidade galega foi no ano 1993 en que se deu un "antes e un despois" cun renacer da peregrinación como fenómeno imparable, como o demostra a chegada de turistas á cidade santa sen esperar a 2027, en que terá lugar o próximo Xacobeo.

O alcalde de Caravaca, José Francisco García, manifestou na súa intervención durante a firma do protocolo que en Caravaca "seguen aprendendo, mellorando e construíndo con toda a humildade cun proxecto que ofrece valores e atractivos ao peregrino e ao viaxeiro do século XXI".

"Estou convencido —engadiu— de que o protocolo de colaboración contribuirá a seguir traballando, sumando vontades e axuntando sinerxias en dúas realidades que teñen moitas similitudes e acenos en común", concluíu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade