Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia entra nun episodio de temperaturas ata 12 graos por riba do normal nestas datas

Galicia entra nun episodio de temperaturas ata 12 graos por riba do normal nestas datas

Vai durar ata o luns, cando se podería rexistrar a máxima histórica nun mes de outubro

G24.gal 29/09/2023 20:36 Última actualización 29/09/2023 20:47

Plans de fin de semana na praia na última semana de setembro. Chegou o tradicional verán de San Miguel e foron moitos os que aproveitaron o día nos areais de Galicia.

Que veñan días cálidos ás portas do outono non é unha rareza. Pero si que as temperaturas sexan moito máis elevadas do normal.

"Temos rexistros doutros anos nestas datas en que se acadaban valores elevados, pero neste caso son ainda máis. Estamos falando dunha anomalía de 10 e ata 12 graos", asegura Juan Taboada, de Meteogalicia.

Un episodio excepcional polas temperaturas e pola duración. Comezou este venres e vai durar polo menos ata o luns cando se podería bater un rexistro histórico para un mes de outubro.

"Hai que ter en conta que todo isto vén precedido por un mes de setembro cálido, un verán cálido, un 2023 cálido, por un 2022 que tamén foi cálido, o máis cálido da serie. Todo isto son pistas de que non son situacións normais", conta o meteorólogo.

O episodio de temperaturas anormalmente altas para estas datas notarase en case toda a Península Ibérica, pero a anomalía será máis acentuada no noroeste.  Boa parte de Galicia superará os 30 graos e Ourense podería rozar os 35.

De momento toca gozar do aire libre con bo tempo, pero con moito coidado se imos ao campo. As temperaturas elevadas e a ausencia de chuvia incrementan tamén o risco de incendios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade