Galicia esquiva o peor da Dana con chuvias abondosas e avisos en boa parte de España
Galicia esquiva o peor da Dana con chuvias abondosas e avisos en boa parte de España
As precipitacións máis copiosas agárdanse este sábado na metade oriental e o domingo no sueste e o centro peninsular
Este primeiro fenómeno adverso do outono meteorolóxico deixa tamén un acusado descenso das temperaturas
O outono meteorolóxico estreouse o venres con forza en España, xa que o astronómico non vai chegar ata o 23 de setembro ás 8:50 hora galega.
A chegada da primeira Dana a España vai deixar chuvias que nalgúns puntos poden ser torrenciais, indican as previsións. Tamén un acusado descenso das temperaturas durante a fin de semana, cando as máximas non van superar os 25 graos no norte e o interior da Península e por baixo dos 30º en case toda España.
As previsións sinalan que Galicia vai esquivar esta fin de semana o peor deste fenómeno meteorolóxico.
As chuvias máis intensas, persistentes e xeneralizaras, e nalgúns casos localmente fortes ou moi fortes, mesmo de intensidade torrencial e con treboadas, rexistraríanse no Mediterráneo, favorecidas pola calor no mar.
Ata o luns poden chegar a caer ata 100 litros por metro cadrado ou máis, sobre todo na metade oriental.
A Aemet elevou o venres o rango a aviso especial, que se emite cando os fenómenos son serios debido á súa intensidade, a súa duración ou a súa ocorrencia en épocas moi marcadas, como é neste caso, coa operación retorno de agosto nas estradas.
Un total de 17 provincias estarán este sábado en aviso laranxa por treboadas ou chuvias no norte, no centro e no Mediterráneo.
A caída das temperaturas é outro dos efectos da Dana, de 10 graos e de ata 12 graos nalgunhas zonas. Este sábado a Aemet precisa que os chuvascos localmente fortes ou moi fortes afectan a case toda a Península, as Baleares e Melilla, e serán menos probables e intensos no oeste de Galicia e nordeste das Baleares. Na contorna do Cantábrico oriental, val do Ebro e leste peninsular, as acumulacións poderían ser máis importantes.
Xa o domingo, coa Dana centrada no suroeste, a maior probabilidade e intensidade das precipitacións probablemente corresponderá ao leste, o cuadrante sueste e o centro peninsular, onde serán fortes ou moi fortes e persistentes.