Galicia Etiqueta Calidade nomea seis embaixadores para a promoción dos produtos
Galicia Etiqueta Calidade nomea seis embaixadores para a promoción dos produtos
Comprometéronse a dar a coñecer as 36 certificacións agroalimentarias do país
Foi o acto de clausura do foro Galicia Etiqueta Calidade, onde se falou de retos e oportunidades para o sector
Son os seis embaixadores dos alimentos de calidade diferenciada de Galicia. Investidos co seu mandil de honra, comprometéronse a dar a coñecer os sabores e as garantías das 36 certificacións agroalimentarias do país.
"Hai xente de Galicia que non sabe que hai unha IXP para as patacas ou unha certificación para o pan ou cinco variedades de pemento protexidas", di o cociñeiro e embaixador José Manuel Mallón.
"As etiquetas indican que o produto ten unhas garantías excepcionais e que pasa o control dos consellos reguladores", engade Salomé Beiroa, catadora e embaixadora.
"Temos a oportunidade de ir máis aló e enchelos de valor cando podemos explicar a paisaxe, a historia, e o territorio que os rodea", reflexiona o divulgador e embaixador Manuel Gago.
Unha oportunidade de explicar esa historia e abrir novos mercados é o Camiño de Santiago. Milleiros de persoas de todo o mundo atravesan máis de 100 concellos que poderían servir de escaparate da nosa excelencia gastronómica.
"É un xeito de internacionalizar o sector moi doado, está nas nosas mans. A idea é preparar paquetes enogastronómicos vencellados con cada unha das rutas xacobeas", explica Aser Álvarez, coordinador das mesas de traballo do foro.
Estratexias para axudar o sector nun momento difícil en que a suba dos custos de produción compromete o futuro dalgunha das granxas das que saen estes manxares.