Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia, presente nunha das maiores feiras de turismo do mundo

Galicia, presente nunha das maiores feiras de turismo do mundo

A World Travel Market celébrase en Londres 

G24.gal 07/11/2022 21:05

Galicia está presente nunha das maiores feiras de turismo do mundo, que hoxe abriu as súas portas. Na capital do Reino Unido a nosa comunidade autónoma amosará ao mundo a oferta turística, a riqueza paisaxística e gastronómica. 

É un dos maiores escaparates do turismo, unha cita de referencia mundial na capital do Reino Unido. Esta edición, que é a número 43, é moi importante para o sector, é a primeira que se celebra con normalidade desde a pandemia. E Galicia está presente.

"Sobre todo nun ano tan especial como é este Xacobeo 21-22, en que o Camiño de Santiago é dos máis queridos por este sector, por este destino emisor, como é o británico", afirma Nava Castro, presidenta de Turismo de Galicia.

"O mercado inglés é o terceiro ou cuarto que chega a Galicia; o auxe do Ano Santo foi espectacular, e moitos dos turistas ingleses están chegando a través do aeroporto do Porto e, sen dúbida, é un mercado moi importante para nós", comenta Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

Pero Galicia ten máis que ofrecer ca o Camiño.

"Evidentemente o Camiño de Santiago ten que  estar aquí representado, pero tamén o turismo náutico, o turismo vitivinícola, o de golf e tamén o camiño relixioso. O que fai que desestacionalicemos", declara Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.

Na feira están 25 empresas do sector turístico galego.

"Galicia como destino turístico xa é un referente en España. O que buscamos agora é que tamén o sexa internacionalmente, por iso participamos en feiras tan importantes como a de Londres", di Jaime Garrido, director do hotel Pazo dos Escudos.

Dos 3.000 expositores, 70 son debutantes. Entre os que participan por vez primeira está, por exemplo, a Asociación de Turoperadores de Uganda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade