Galicia reabre este xoves os recintos masivos de vacinación para a franxa entre os 65-79 anos
Galicia reabre este xoves os recintos masivos de vacinación para a franxa entre os 65-79 anos
Un total de 13 espazos, onde o Sergas ofrecerá tamén participar nun ensaio clínico coa vacina da gripe
Un total de 13 recintos de vacinación masiva reabrirán este xoves no marco da dobre campaña que desprega o Sergas para inmunizar contra a gripe e a covid-19 a pacientes de entre 65 e 79 anos.
Unha vez acabada a fase de vacinación nas residencias e nos centros de saúde de referencia para maiores de 80 anos, volven os 'vacinódromos' cunha importante novidade: ofrecerase a todos os que acudan a posibilidade de participar nun ensaio clínico.
Así, os 450.000 galegos entre 65 e 79 que sexan citados para estes próximos días poderán escoller voluntariamente se pór a vacina normal contra a gripe ou que lle inoculen unha de dobre dose. Trátase dun medicamento que xa está comercializado e que xa reciben os maiores de 80 anos, polo que este estudo -capitaneado pola Consellería de Sanidade e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS)- busca determinar se produce a mesma resposta inmune en franxas máis novas.
Este proxecto, que recibe o nome de Galflu, buscará que haxa polo menos 50.000 voluntarios das 450.000 persoas que están citadas para esta nova fase da campaña de vacinación. Os que opten por participar no ensaio clínico terán un seguimento especial por parte do Sergas, que vixiará posibles efectos adversos a través da historia clínica electrónica, é dicir, sen que o paciente teña que acudir facer probas ou consultas específicas.
Polo xeral, os 'vacinódromos' serán os mesmos lugares de campañas anteriores, desde a irrupción da covid-19. Haberá un total de 13 repartidos polas principais cidades e vilas de Galicia. Na área sanitaria da Coruña-Cee haberá só un, que será Expocoruña, na cidade herculina. Tamén haberá un punto único de vacinación na de Vigo, que será o Ifevi; e na de Ferrol, nun edificio anexo ao recinto de feiras FIMO.
Na de Santiago-Barbanza, habilitarase de novo a Cidade da Cultura e haberá outro lugar onde recibir as doses no hospital de Ribeira. Tamén serán dous na área de Pontevedra-O Salnés: a sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Campolongo, na capital provincial; e no hospital de Vilagarcía de Arousa.
Na área de Lugo-A Mariña-Monforte, serán tres os 'vacinódromos' abertos. Un será o do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), outro o hospital de Burela e o terceiro un espazo anexo ao IES Río Cabe de Monforte de Lemos.
Outros tantos haberá na área ourensá. Na capital, vacinarase en Expourense, aos que se suman postos de vacinación nos hospitais do Barco de Valdeorras e Verín.