Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia reclama sete trens Avril para garantir as frecuencias na comunidade

Galicia reclama sete trens Avril para garantir as frecuencias na comunidade

Transportes garante que estarán operativos no primeiro trimestre de 2024

O viaduto do Castro en sentido Madrid estará listo a finais deste ano

Xuntanza entre a conselleira de Infraestruturas e o secretario de Estado de Transportes
G24.gal 04/10/2023 16:10 Última actualización 04/10/2023 18:19

Galicia chegou a Madrid coa intención de aclarar como van ser as futuras frecuencias dos trens Avril en Galicia e cando van chegar. Foi nunha reunión da conselleira de Infraestruturas co secretario de Estado do ramo.

"Para o primeiro trimestre de 2024 agardan que se dispoña deste material rodante na liña Galicia Madrid", dixo Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas.

"Aínda que non poida dar unha data exacta, si que será o primeiro trimestre, e, dentro do primeiro trimestre, o antes posible", asegurou David Lucas, secretario de Estado de Infraestruturas.

O trens Avril son claves para que a alta velocidade se estenda por toda a comunidade. Os aforros de tempo oscilarán entre os 20 e os 30 minutos en todo o Eixo Atlántico. Pero tamén permitirán a chegada do AVE de baixo custo (Avlo), operativo xa noutras zonas da península. 

Galicia demanda polo menos 7 das quince unidades para poder darlle saída á alta demanda da conexión con Madrid, a liña que máis medrou en todo o país nos dous últimos anos. 

"O criterio de repartición aínda non está pechado", comenta Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas.

"Cando teñamos concrecións, cando saibamos dos trens Avril, os trens que van corresponder a Galicia e poder intercambiar esa información e que a Xunta a teña", responde David Lucas, secretario de Estado de Infraestruturas. 

"Agardamos que esa solicitude de sete trens Avril se poida ter en consideración",  afirma Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas.

Corredor Atlántico

Sobre o corredor atlántico, a conselleira indica que se constatou que haberá un atraso na presentación completa do plan director, posto que o Ministerio supedítao á aprobación da revisión do regulamento por parte da UE.

O secretario de Estado resaltou o especial compromiso de Mitma coa despregadura do corredor atlántico en Galicia, onde se prevén investimentos por 1.443 millóns de euros, dos que máis de 763 millóns de euros (o 53 %) están licitados ou en execución.

Entre as actuacións en execución, o Ministerio destaca que este verán iniciouse a redacción do estudo informativo do saída sur de Vigo, unha infraestrutura destinada a unificar a rede ferroviaria da cidade e a dar continuidade ao Eixo Atlántico cara a Portugal.

Expón que se está avanzando na electrificación do tramo Guillarei-Tui-Fronteira portuguesa e Redondela-Arcade, no marco das melloras da liña O Porto-A Coruña, e nas actuacións de mellora xa en marcha da conexión Vigo-Ourense polo Miño, un tramo que forma parte da liña Vigo-León, o principal eixo do corredor atlántico de mercadorías da zona noroeste, e que contará cun investimento total de ata 924 millóns de euros.

Así mesmo, o secretario de Estado de Transportes subliñou o "esforzo investidor que está a facer o Estado", entre o que citou exemplos como a electrificación na conexión ferroviaria entre Monforte e Lugo, o concurso da estación intermodal de Ourense que acaba de ir ao Consello de Ministros, así como os traballos nas intermodais de Lugo e A Coruña. Tamén remarcou que se está "traballando" no estudo do posible 'bypass' de Ferrol. 

Lucas valora a culminación, en agosto, da implantación do sistema de sinalización ERTMS ao longo de 167 quilómetros, no tramo Vigo-A Coruña e a extensión do equipamento ata completar a súa despregadurano tramo Ourense-Santiago da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, así como a continuidade das obras do novo acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña en Punta Langosteira.

Pola súa banda, nun comunicado, a Xunta queixouse de que o Ministerio de Transporte "confirma que non vai executar as variantes de Rubián e dos Peares, imprescindibles para achegar a alta velocidade a Lugo, nin ten previsións para non deixar illada a cidade de Ferrol do AVE".

Igualmente, o Goberno galego urxe a reposición de frecuencias de tren eliminadas na pandemia, o aumento de prazas pola demanda crecente e a posta en marcha do plan de puntualidade previsto por Renfe, así como a renovación de maquinaria obsoleta.

O Ministerio sostén que Renfe oferta en Galicia un 11% máis de prazas que antes da pandemia, con 169.558 prazas semanais.

A-6

Doutra banda, David Lucas indicou que se manteñen as previsións para a reconstrución do viaduto do Castro de forma que en sentido Madrid se terminará a finais deste ano. En sentido A Coruña estará ao longo de 2024, onde se comezou co movemento de terras.

AP-9

A Xunta insistiu en demandar a transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e pide que se facilite a tramitación da proposición de lei no Congreso.

O Ministerio pon en valor a bonificación de peaxes na AP-9. Desde a súa posta en marcha no verán de 2021 e ata xullo de 2023 bonificouse o 46,7% dos 103,6 millóns de tránsitos. Supón aos usuarios aforrar uns 85 millóns de euros en peaxes en dous anos.

Resalta que este mesmo miécoles publicouse no BOE a declaración de impacto ambiental do Aateproyecto de vial de conexión entre a autovía AC-14 (ligazón da Zapateira) coa AP-9 na Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade