Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia revive o Entroido máis multitudinario, con Ourense e o triángulo máxico á cabeza

Desfile do Domingo de entroido en Ourense
G24.gal 19/02/2023 22:12 Última actualización 19/02/2023 22:43

O centro de Ourense converteuse este domingo no centro neurálxico do Entroido local cun desfile ao que asistiron milleiros de cidadáns. Ante eles deixáronse ver as pitas de Eiroás, extraterrestres, embarcacións, vehículos militares, carrozas e charangas cun denominador común: a sátira e a diversión.

Sen máscaras e sen restricións, regresaron ás rúas da cidade as aglomeracións para revivir unha festa moi arraigada na provincia.

O desfile percorreu e colapsou todo o centro da cidade desde As Lagoas ata a Alameda.

Abriron a marcha festiva as pitas de Eiroás, que cada ano suman máis adeptos, incluíndo varios membros novos que aínda non portan a vestimenta íntegra, debido ao seu peso. Como era de esperar, fixeron uso das súas "armas", os ovos, que lanzaron con humor aos presentes.

E o Entroido é unha época de transformacións e de participación de persoeiros ilustres que non faltaron á cita.

Os cigarróns no desfile deste domingo en Verín

Verín viviu o seu día grande co desfile de cigarróns e carrozas este domingo, que tamén colapsou a vila con milleiros de visitantes.

carreira dos cigarróns marcou o comezo do desfile deste domingo de Entroido en Verín. Son toda unha autoridade na localidade e con eles na rúa, a festa está asegurada.

Coas chocas colgadas da cintura, as tradicionais máscaras de madeira e unha vestimenta que pode pesar uns vinte e cinco quilos, manter o ritmo non é para calquera e require de boa forma física.

Comparsas e charangas completaron un animado pasacalles no que estiveron representados os protagonistas da actualidade política e social. O rei emérito, Shakira, Piqué ou Tamara Falcó non faltaron a esta festa, declarada de Interese Turístico Nacional.  

A orixe do cigarrón

O cigarrón é a figura principal do Entroido de Verín, e ten unha orixe histórica. Tratábase dunha persoa que corría polas rúas pedindo diñeiro, e que chegou a protagonizar coplas como “Cigarrón, lapón, mete o diñeiro no bolsón”.

Estes personaxes chegaban a acurralar os viandantes e obrigalos a que os convidasen a viño. Aínda que posteriormente esta invitación empezouse a substituír por cartos.

A cor, a alegría e a diversión estiveron servidas nesta xornada entroideira, aínda que non é o final dunha festa que aínda deixará moitas actividades ata o martes.

As pantallas de Xinzo na Praza maior da vila no Domingo de Entroido

En Xinzo as pantallas foron as protagonistas canda cabezudos e charangas para levar a "troula" polas rúas o domingo de Entroido.

As figuras principais do Entroido de Xinzo animaban este domingo as rúas da vila. As pantallas convértense coma cada ano en repartidoras de troula.

Esta celebración, declarada de Interese Turístico Internacional, atrae moita xente doutras partes de Galicia. Xunto ás pantallas, os disfraces máis orixinais, as máscaras e os cabezudos levan a diversión por todo o centro.

A festa, que comezou o 28 de xaneiro, prolóngase máis aló do mércores de cinza e remata en sete días, co domingo de piñata. Pero o martes será o día máis significativo co gran desfile de Entroido e o concurso de disfraces con 4.000 euros en premios.

Máis de 300 peliqueiros percorreron Laza no seu domingo de estrea limiar dun luns de grande "troula" na vila.

O luns borraleiro chega a farrapada e a baixada da morena

Os peliqueiros e as súas chocas son os protagonistas deste primeiro día grande de Entroido en Laza. Ata a noite van encher de cor e ruído as rúas da vila e das aldeas. Trátase do primeiro acto dun Entroido que se vai prolongar ata o martes.

Milleiros de persoas achegáronse ata o centro do municipio para presenciar os desfiles dos ancestrais peliqueiros. Coa súa soa presenza, xa enchen de son a praza. 

O día comezou coa posta do traxe, un labor moi traballoso e que hai que facer con total precisión para respectar a tradición.

Xa na praza da Picota, as carreiras dos peliqueiros fan as delicias do público. Hainos de case todas as idades e este ano van ser 300 os que anden polas rúas de Laza.

O luns borralleiro, a troula será moi diferente e o protagonismo terano a farrapada e a baixada da morena.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar