Serven para algo as lentes con filtro de luz azul? Segundo a OCU, non
Serven para algo as lentes con filtro de luz azul? Segundo a OCU, non
Non hai evidencia científica de que actúen contra a fatiga ou melloren a agudeza visual
Porén, algúns usuarios séntense máis cómodos cando as usan diante das pantallas
As lentes con filtro de luz azul fixéronse moi populares na pandemia, e adoitan recomendalas a aqueles que pasan demasiadas horas diante das pantallas. Pero serve de algo usalas?
"Eu notaba a vista cansa, doíanme os ollos e por iso decidín poñer os filtros de luz azul".
"Notei algo raro, mesmo un lixeiro cambio na cor do cristal, pero beneficio ningún", din algúns usuarios.
Os usuarios teñen opinións divididas, pero a OCU ten claro o seu veredicto.
"A día de hoxe, cos estudos na man, non hai nada que avale a eficacia das lentes con filtro de luz azul", explica Enrique García, voceiro da OCU.
Os estudos dispoñibles din que o filtro azul non reduce a fatiga nin mellora a agudeza visual. Tampouco está demostrado que mellore a calidade do sono. Nin sequera está claro que a propia luz azul teña efectos prexudiciais. Así e todo, hai quen prefire poñer esa barreira nas lentes.
"As molestias son iguais, usen ou non o filtro azul. O que pasa é que hai persoas que ao reducir a luz azul nótanse máis cómodas. Por iso, a nivel subxectivo e de xeito individual, poden usalas se están cómodas, tampouco lles van prexudicar en absoluto", explica o optometrista Alexander Dubra Fernández.
O verdadeiro problema das pantallas, din os expertos, non é a luz azul, senón o exceso de horas de exposición. Un abuso da vista de cerca que está aumentando de xeito alarmante os casos de miopía, sobre todo entre os máis novos.