Rouban na mesma noite en dúas farmacias de Santiago un medicamento para adelgazar
Rouban na mesma noite en dúas farmacias de Santiago un medicamento para adelgazar
O Ozempic era orixinariamente para a diabetes e desde que os endocrinólogos o prescriben tamén para adelgazar hai problemas de abastecemento
Os farmacéuticos advirten do risco de usalo sen supervisión médica e sen un control sanitario que garanta a súa conservación en frío
A proximidade do verán altera as demandas do mercado. Aumenta por exemplo o interese polas lentes de sol e polos produtos para adelgazar. Iso é o que se podería deducir de tres roubos sorprendentes rexistrados na mesma noite no centro de Santiago. A propietaria dunha óptica da zona monumental atopou os expositores de lentes completamente baleiros cando chegou para abrir na mañá deste mércores.
Os ladróns entraron de madrugada, rebentaron a pechadura e levaron todos os deseños de sol que había, máis de 600 pezas. Colleron tanto as que estaban á vista coma as gardadas nunha caixoneira. Deixaron só as monturas para lentes graduadas, e das de sol quedaron unicamente as de prezo baixo, e as que se supón que se lles despistaron na parte posterior deste expositor. Amais diso, desvalixaron a caixa rexistradora e revolveron todas as demais dependencias da tenda, suponse que na busca de cartos.
Dous roubos en farmacias
Esa mesma noite denunciáronse outros dous roubos en dúas farmacias do centro da cidade, unha delas na zona monumental e a outra no Ensanche. O sorprendente é que nos dous casos os ladróns tiñan o mesmo obxectivo, as doses de Ozempic almacenadas nas súas neveiras. Este medicamento inxectable está indicado para casos de diabetes, pero agora estánselle atopando outras utilidades terapéuticas.
Marilia Pérez Costas, titular dunha das farmacias asaltadas, explica que agora tamén os endrocrinólogos están prescribindo o Ozempic para adelgazar. Suponse que isto é o que fai que poida ter demanda no mercado negro. Pero os farmacéuticos alertan do risco que iso supón por dúas razóns: unha é que non se debe usar sen prescrición e control médico e, outra, que é un medicamento que hai que manter en frío para garantir as súas propiedades.