Galicia será a primeira comunidade en España que contará cun matadoiro móbil

Usarase para o sacrificio de porcos, ovellas e cabras en explotacións situadas máis lonxe dos matadoiros convencionais

G24.gal 02/11/2023 16:02

O Consello da Xunta aprobou este xoves a posta en marcha dun servizo de matadoiro móbil co que se pretende reducir custos de desprazamentos aos propietarios das explotacións gandeiras e incrementar así a súa rendibilidade.

A iniciativa da Consellería do Medio Rural permitirá, aseguran desde a Administración autonómica, facilitar o sacrificio de ovellas, cabras e porcos daquelas explotacións de zonas distantes dos matadoiros convencionais

Explican que será un servizo pioneiro en España, xa que ata o momento ningunha outra comunidade conta con esta ferramenta. Terá a súa sede nunha nave do concello de Chantada e consistirá nunha unidade móbil de sacrificio, montada sobre un semirremolque frigorífico, coa súa correspondente cabeza tractora, que permitirá facer este traballo con todas as garantías hixiénicas e de seguridade.

Asegura a Xunta que en paralelo a este proxecto, prevese desenvolver unha marca de calidade que ampare os animais sacrificados neste matadoiro como produtos de proximidade, con alto benestar animal e con orixe en gandarías que actúan como cortalumes de incendios forestais.

A Consellería do Medio Rural, que conta con activar o servizo nas próximas semanas, habilitará un teléfono para a resolución de dúbidas e poder facer a petición de citas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade