Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia ten censadas 20.000 mascotas máis que nenos e nenas menores de tres anos

Galicia ten censadas 20.000 mascotas máis que nenos e nenas menores de tres anos

Detéctase un incremento de abandonos despois do auxe das adopcións de animais de compañía durante a pandemia

Máis de 60.000 das mascotas son cans

As protectoras instan á concienciación cidadá para evitar o abandono

Tres cans á espera de seren adoptados no Refuxio de Pontevedra
G24.gal 14/11/2022 14:21

Cada vez son máis os fogares galegos que optan por ter unha mascota na casa. O Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) ten censados case 69.000 animais deste tipo, a inmensa maioría cans. Son 20.000 máis que nenos menores de tres anos, o que indica que se trata dunha tendencia crecente, sen dúbida influída polos meses de confinamento que vivimos en 2020.

O rexistro é obrigatorio desde hai case dúas décadas, pero non sempre se tramita, así que a cifra seguro que é maior, e moi superior, por exemplo, ao número de nenos e nenas menores de tres anos que residen en Galicia.

Hai motivos abondo para adoptar unha mascota, compañía, cariño, mesmo axudan a curar depresións. Tamén, durante o confinamento, ter unha mascota era unha das contadas xustificacións para saír da casa. E así, neses meses, a adopción de mascotas multiplicouse, non sempre dunha forma responsable.

Explícano os profesionais que traballan con animais de compañía, como o adestrador de formadores caninos, Mariano Chico: "Agora que a xente pode saír, parece que hai a quen as mascotas lle sobran, por iso hai que concienciar a xente de que é unha obriga coidar un compañeiro de vida".

Ou a veterinaria do Refuxio de cans de Pontevedra, Ana Cadavid, que amosa a súa decepción "porque parecía que a sociedade estaba máis concienciada e agora volvemos outra vez ver que a xente non aprende... é unha falta de responsabilidade si ou si".

De aí que colectivos e persoas comprometidas co benestar animal chamen á concienciación cidadá para evitar os abandonos e promover a adopción, sobre todo dos máis vulnerables. Os fogares de acollida, ademais, non teñen que afrontar os gastos de mantenza e coidado, porque son os propios refuxios os que se fan cargo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade