Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gandeiros do Irixo van cultivar cerais para autoabastecer as explotacións de vacún

Gandeiros do Irixo van cultivar cerais para autoabastecer as explotacións de vacún

A escaseza de cereal e a suba dos prezos impulsa este proxecto piloto para evitar os intermediarios e reducir os custes de produción

O concello promove a creación dunha Asociación de Gandeiros

Van cultivar 50 hectáreas de terreo abandonado para unhas 20 explotacións con 500 cabezas de vacún

Os gandeiros do Irixo van cultivar trigo e cebada para alimentar o seu gando.
G24.gal 29/03/2022 20:48

A preocupación pola escaseza do cereal e a suba dos prezos por mor da guerra en Ucraína está a animar os gandeiros a apostar polo autoabastecemento. É o caso do concello ourensán do Irixo onde acaban de pór en marcha un proxecto para cultivar os seus propios cereais para alimentar o seu gando. 

Para evitar os intermediarios e non depender tanto da continua suba dos prezos dos cereais, o Concello do Irixo impulsou a creación dunha Asociación de gandeiros para tratar de reducir os custes de produción. Así, poderán autoabastecer unha vintena de explotacións gandeiras de vacún. 

Estes terreos, agora a monte, vanse converter en terras de cultivo para que os gandeiros do Irixo produzan os cereais cos que alimentar unhas 500 cabezas de gando vacún que hai no municipio. 

"Intentamos buscar unha fortaleza porque temos moitísimos terreos abandonados", di Manuel Cerceira, alcalde do Irixo. "Podendo producir aquí, reducir os custos, e ademais estar explotando o teu propio monte, en vez de telo abandonado, telo producindo cereais para o noso consumo, paréceme unha idea que oxalá se fixera en tódolos concellos", asegura Juan Manuel Villanueva, o presidente da Asociación de Gandeiros do Irixo. 

"Puxémonos de acordo unhas cantos gandeiros e imos sementar un pouco trigo. A ver se abaratamos un pouco os custes de produción porque son inasumibles", di o gandeiro, Manuel Ferradás.  

Unha ducia de gandeiros pensan que o autoabastecemento é a mellor solución coa actual situación de encarecemento das materias primas.

"Oxalá sexa un proxecto piloto que teña éxito e que se poida repetir noutros concellos de Galicia", apunta o alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira. 

Os gandeiros din que van comezar a preparar os terreos e que lles gustaría poder telos listos para comezar a sementar xa este outubro. 

Este proxecto no concello ourensán do Irixo conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e tamén da Consellería do Medio Rural.  

O proxecto de cultivo farase nunhas 50 hectáreas de monte comunal agora abandonado
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade