Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os gandeiros levan vacas e tractores a Lugo para esixir a suba do prezo da carne en orixe

Os gandeiros levan vacas e tractores a Lugo para esixir a suba do prezo da carne en orixe

O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema recoñeceu que a subida dos custos de produción está “a afogar” as explotacións galegas

Os gandeiros quédanse indefinidamente ante a Xunta e a Subdelegación do Goberno en Lugo

G24.gal 18/04/2023 09:02 Última actualización 18/04/2023 18:56

Tirando de aforros ou sacrificando vacas reprodutoras para ter liquidez. Así viven moitos gandeiros galegos unha crise de prezos que, segundo din, podería provocar o peche de moitas explotacións.

Gandeiros de carne, convocados por Gandeiros Galegos da Suprema, protestan polos recortes nas axudas da Política Agraria Común (PAC), os elevados custos de produción e o baixo prezo da carne en orixe. “Prezo é igual a profesionalización e a vida no rural. Se hai prezo, hai profesionais”, di Santiago Rego.

Máis de medio milleiro de produtores, con tractores e vacas, pediron solucións nas rúas de Lugo. Non entenden que o consumidor pague cada vez máis mentres eles seguen a cobrar o mesmo que hai 30 anos.

Afirman que lles pagan a tenreira a 5,60 euros quilo canal, mentres que teñen uns 6,20 de custos de produción, referenciados aos datos 2021 antes da guerra de Ucraína, un conflito que fixo subir os cereais e todos as subministracións.

Din que algunha explotacións sacrifican vacas para poder seguir adiante, porque o vacún maior si que subiu de prezo, pero isto ten un custo a longo prazo que é diminuír a capacidade reprodutiva da cabana. 

Os gandeiros quédanse de xeito indefinido ante a Xunta e a subdelegación do Goberno

O presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema confirmou que un retén de produtores permanecerá de xeito indefinido ante a sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e da Subdelegación do Goberno.

Será, explicou o propio Rego, unha representación dos produtores de carne que permanecerá ante a sede de ambas institucións ata que sexan escoitados polo Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural.

A maioría dos tractores que participaron este martes na manifestación polas rúas do centro de Lugo abandonaba a primeira hora da tarde a cidade, aínda que algúns quedaron ante a Delegación Territorial da Xunta en Lugo e cortaron o tráfico na Rolda da Muralla pola tarde.

A saída dos tractores do centro de Lugo tamén obrigou á Policía Local a cortar ao tráfico a rúa de San Roque a primeira hora da tarde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade