Publicador de contidos
Publicador de contidos

García Comesaña: "Esperamos o pico da gripe entre o 26 de novembro e o 10 de decembro"

García Comesaña: "Esperamos o pico da gripe entre o 26 de novembro e o 10 de decembro"

O conselleiro de Sanidade asegura que Galicia lidera en España a vacinación coa cuarta dose contra a covid 

García Comesaña asegura que estudan realizar un concurso de méritos antes de fin de ano para cubrir prazas de pediatría en atención primaria 

G24.gal 06/11/2022 08:43 Última actualización 06/11/2022 20:13

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, prevé que o pico da gripe en Galicia se dea entre finais deste mes e comezos de decembro. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, García Comesaña asegura que esta previsión se daría de se repetir o comportamento habitual deste virus, que este ano adiantou a súa incidencia en Galicia. O conselleiro afirma que en todas as áreas sanitarias "estamos traballando con plans de continxencia" para atender ese pico antes do previsto. 

"Debemos estar falando dun pico da gripe de entre 3- 5 semanas. Iso levaríanos a un rango entre o 26 de novembro e o 10 de decembro aproximadamente,  sempre que a forma da curva fose a mesma, cousa da que non temos garantías"

García Comesaña tamén destaca a boa marcha do ritmo de vacinación contra a gripe. De feito, asegura que neste momento “hai máis xente vacinada da gripe que da covid -da cuarta dose-“ porque -explicou- moita xente citada para se vacinar coa dose de reforzo da covid e á que se lle ofertaba a da gripe, aceptaba a da gripe pero non podía poñer a da covid porque pasara a doenza había pouco e non pasara o tempo estipulado para se inmunizar de novo. 

O conselleiro de Sanidade tamén destaca o ritmo na vacinación dos menores de 6 a 59 meses, que de maneira pioneira en España entran na campaña galega de vacinación antigripal. Cifrou nun 20 por cento os rapaces deste grupo albo que xa foron inmunizados contra este virus estacional. 

García Comesaña avanzou tamén que mañá luns se abrirá a vacinación contra a gripe de persoas de entre 60 e 69 anos, persoas con factor de risco, embarazadas, persoal de servizos asistenciais e persoal de exposición laboral. 

Vacinación contra a  Covid

O conselleiro de Sanidade tira un balance moi positivo da campaña da cuarta dose da vacina contra a covid ao asegurar que Galicia supera amplamente a media española en cada un dos grupos de idade aos que se dirixe este reforzo. García Comesaña cifra nun 80 por cento os vacinados maiores de 80 anos, nun 69 por cento os de 70-79, e nun 48 por cento nos de 60-69 anos. Así mesmo, asegura que a cifra de asistencia aos recintos de vacinación masiva tivo unha adherencia do 80 por cento, cifra que empregou para rebater as críticas do BNG e do PSdeG ao uso destes recintos para os maiores de 80 anos nesta campaña de vacinación. Segundo García Comesaña, ambas as formación "intentaron utilizar politicamente o que é a vacinación" pero dixo que "os galegos e as galegas demostraron que están por riba desas manipulacións políticas e acudiron onde consideraron oportuno". García Comesaña prevé que estes recintos de vacinación masiva estean abertos ata a ponte de decembro ao se manteren os reintentos de convocatoria. 

Respecto ao uso de máscaras nos transportes públicos e en determinados ámbitos como os sanitarios e farmacias, o conselleiro de Sanidade considera que a día de hoxe, malia non empeorar a situación epidemiolóxica "tampouco mellorou". Deste xeito, considera que se hai seis semanas era razoable non quitala, máis razoable segue sendo agora mantela, sobre todo -apuntou- ao haber confluencia doutros virus respiratorios, caso do VRS. 

Pediatras a atención primaria

O conselleiro de Sanidade anuncia que estudan sacar prazas de pediatra en atención primaria a través dun concurso de méritos. Segundo explicou, están traballando coa Sociedade Galega de Pediatría para saber cantas prazas serían precisas e con que condicións, cousa que lles gustaría facer, en todo caso, antes de rematar o ano. 

"Non descartamos que poidamos facer unha convocatoria específica con prazas de pediatría en atención primaria con este modelo de concurso de méritos". 

En paralelo e ao abeiro tamén da aprobada lei de medidas extraordinarias que estende a prestación do concurso de méritos a prazas de difícil cobertura, estase na segunda quenda do primeiro concurso convocado. A idea -dixo- é que a finais de novembro e principios de decembro se poidan cubrir as 15 prazas pendentes dese concurso no que se ofertaron 106 e cuxas primeiras 91 prazas xa foron adxudicadas. 

Terapias avanzadas e protonterapia

O conselleiro de Sanidade prevé que no primeiro semestre do ano que vén xa se poidan empezar a producir en Galicia as terapias avanzadas contra o cancro, as coñecidas CAR-T. Así mesmo, anunciou que nos vindeiros días publicarán no Diario Oficial das Comunidades Europeas o anuncio de licitación do proxecto e obra do Centro Galego de Protonterapia. Centro que nos orzamentos da Xunta do ano que vén conta cunha asignación de 10 millóns de euros e que se situará en Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade