Gardacostas intercepta máis dunha tonelada de polbo de captura ilegal en Pontevedra
Gardacostas intercepta máis dunha tonelada de polbo de captura ilegal en Pontevedra
O polbo, devolto ao mar, estaba en 4.500 aparellos prohibidos que foron requisados para destruílos
Foi o resultado de tres operacións desenvolvidas no litoral entre Baiona e A Guarda
Foron tres operacións de Gardacostas de Galicia contra o uso dos denominados 'cacharros' ou olas despregados entre Baiona e A Guarda para coller o polbo. O traballo culminou entre o 25 de xuño e o 1 de xullo con resultado frutífero contra un aparello de pesca prohibido en Galicia.
"Sabiamos que se están utilizando, o que pasa é que están a unha distancia grande da costa e hai que aproveitar uns días en que non haxa outro tipo de aparellos que nos permitan rastrexar e que o tempo o permita tamén. Por iso foi a última semana de xuño e a primeira de xullo, e fixemos dous operativos en que se retiraron case 4.500 cacharros. E foron ao redor de 1.200 quilos (de polbo) nas tres operacións que se fixeron nestes últimos días contra o uso ilegal desta arte", explica Lino Sexto Bermúdez, subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia.
Todo ese polbo vivo quedou no mar. Máis dunha tonelada de produto que non cae no mercado ilegal.
"Por iso pedimos e recomendámoslle á cidadanía que nunca merque os produtos por fóra dos cauces legais", sinala o responsable de Gardacostas.
E os cacharros, retirados para acabar destruídos nunha planta de reciclaxe de plástico.
O responsable de Gardacostas valora a cooperación da xente da pesca para acabar coas prácticas furtivas tan daniñas para o colectivo e ante as que os axentes de vixilancia resultan insuficientes.
"Desgraciadamente non somos moitos, pero tamén hai que pensar que temos a colaboración por parte de moitas confrarías e de moitos pescadores que son xente seria que quere vivir do seu traballo dignamente e facilítanos información", sinala Sexto Bermúdez.
O subdirector de Gardacostas de Galicia reitera a mensaxe de que non adquiramos produtos do mar fóra do mercado legalmente establecido polo risco para a saúde e para favorecer a explotación sostible dos recursos mariños.