Publicador de contidos
Publicador de contidos

Goberno e sindicatos acordan subir o salario mínimo un 5 %, ata os 1.134 euros

Goberno e sindicatos acordan subir o salario mínimo un 5 %, ata os 1.134 euros

As organizacións empresariais non se sumaron ao acordo, e finalmente a suba foi superior ao 4 % que propoñía Traballo se se sumaban a un pacto tripartito

G24.gal 12/01/2024 10:18 Última actualización 12/01/2024 13:19

O Ministerio de Traballo acordou este venres con CCOO e UXT subir o salario mínimo inteprofesional (SMI) para 2024 un 5 %, desde os 1.080 euros mensuais por catorce pagas ata os 1.134 euros. Esta subida aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2024.

Así o anunciou o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, ao termo da reunión que celebrou a primeira hora desta mañá cos axentes sociais para comunicarlles a decisión do Goberno sobre o SMI tras as conversacións mantidas con eles desde o mes de decembro.

Esta suba afectará a uns 2,5 millóns de traballadores, na súa maioría mozos e mulleres.

O secretario de Estado de Traballo -que celebrou o acordo cos sindicatos- sinalou que estes incrementos salariais reflíctense tamén en pensións "moito máis xustas e distributivas" e que a brecha de pobreza se reduza un 25 %.

"É un acordo bipartito cos sindicatos do noso país, con Comisións Obreiras e coa UXT", afirma. "Querido Pepe (Álvarez), douvos as grazas en nome do Goberno de España", díxolle a ministra de Traballo ao secretario xeral de UXT, que se atopaba ao seu lado nunha entrega de premios do sindicato en Santiago.

 "Lamento moito a actitude da patronal española, priorizou intereses que non teñen nada que ver coa defensa do noso país para chegar a un acordo", recriminou Díaz. Con todo, defende que "houbo diálogo social" e hai "un acordo bipartito cos sindicatos". "Isto é a política útil", di. "Por tanto, é un día de alegría para o noso país".

Sen acordo coa patronal

As organizacións empresariais CEOE e Cepyme non se sumaron ao acordo, alegando que non se atenderon as súas demandas de indexar o SMI aos contratos públicos e de establecer bonificacións para o sector do campo.

Traballo estaba disposto a asinar unha subida do 4 % se as organizacións empresariais se sumaban a un pacto tripartito. En caso de non facelo, o Ministerio asegurou que a subida ía ser "máis ambiciosa" que esa 4 % inicial.

"O Goberno fixo un grande esforzo para chegar a un acordo con patronal e sindicados (...) agradézolle á patronal o esforzo, finalmente non puido ser", sinalou Pérez Rey en declaracións aos medios.

Aínda que valorou a súa disposición á negociación, Pérez Rey dixo que "a patronal non se mostrou flexible para buscar unha cifra alternativa ou renunciar a algún dos seus requisitos".

Esta mesma mañá, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, reprochara ao Ministerio de Traballo as formas e a falta de criterio para aplicar a subida.

"Se non queres cunca, cunca e media", sinalou o líder da patronal, que defendeu que as empresas queren subir o SMI, un 3,5 % sinalou, pero insistiu na necesidade de que se trasladasen as subidas ás contratas públicas, unha petición rexeitada desde o Goberno.

De feito, os sindicatos estaban a pedir elevar o SMI de 2024 un 5 %, 54 euros por encima dos 1.080 euros de 2023. Esa foi finalmente a subida acordada. Non obstante, avanzaran que preferían un acordo no que estivese a patronal, axustando as súas pretensións de subida nese caso.

O secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, afirmou estar “contento e satisfeito” coa suba alcanzada do 5 %.  Con todo, mostrou a súa sorpresa ante a negativa da patronal para adherirse ao pacto porque antes “propoñían un 3 máis un 1, que na miña vila son 4”, pero finalmente tampouco aceptaron ese 4 %.  "Non acabamos de entender o xogo que fixo co SMI”, salientou.

A principios do ano pasado, o Goberno acordou, só cos sindicatos, unha subida do SMI do 8 % para 2023. O seu compromiso para esta lexislatura é fixar, por lei, que esta renda mínima sempre debe ser equivalente ao 60 % do salario medio.

A CEOE tampouco se sumou ás subidas do SMI de 2022 e 2021 acordadas polo Goberno de Pedro Sánchez con CCOO e UXT, pero si pactou con eles o incremento de 2020, cando aumentou desde os 900 aos 950 euros mensuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade