Publicador de contidos
Publicador de contidos

Golpe ao tráfico de heroína: 24,5 quilos comisados e dous detidos en Nigrán

Golpe ao tráfico de heroína: 24,5 quilos comisados e dous detidos en Nigrán

Pontevedra é unha das principais vías de entrada desta droga porque ás redes internacionais "gústalles traballar" cos narcos galegos "porque son serios", di o inspector xefe do grupo da Udyco que levou o caso

As autoridades destacan a importancia da operación que chegaría a poñer droga no mercado por valor de máis dun millón e medio de euros

Na operación Matoxo incautáronse de case 25 quilos de heroína, teléfonos móbiles, unha tableta e elementos para cortar a droga
G24.gal 05/04/2023 11:40

Unha operación da Brigada de Estupefacientes (UDYCO) da Policía Nacional de Pontevedra deixa dous detidos en Nigrán e a incautación de 24,5 quilos de heroína, no marco dunha operación nomeada como Matoxo.

Segundo explicou o inspector da UDYCO, José Abreu, que dirixiu a investigación, a droga comisada é de grande pureza e "é preciso cortala, se non sería auténtico veleno para os consumidores".

A policía calcula que ese primeiro corte antes de poñelo no mercado para a venda ao por xunto daría un total de 65 quilos de droga que alcanzarían un valor superior ao millón e medio de euros.

O inspector Abreu explicou que os investigadores tiñan coñecemento de que grupo organizado estaba introducindo grandes cantidades de heroína que facían chegar dende o norte de Europa. O seu destino era a distribución por Portugal e España, "pero evidentemente por onde pasa, algo queda", di o inspector.

Este domingo pasado o seguimento deu na detención de dúas persoas nun coche que interceptaron en Nigrán. No vehículo había 20 quilos de heroína. Estaban ocultos nos paneis laterais traseiros, á altura dos asentos. Eran 40 envoltorios de medio quilo cada un.

Catro quilos e medio máis foron atopados noutro coche nun garaxe desta vila pontevedresa. Ademais, requisaron cinco teléfonos móbiles -un deles encriptado-, unha tableta e diversa documentación.

Os dous detidos son un home e unha muller, de nacionalidade española, e residentes en Galicia. Contan con antecedentes.

A investigación estivo dirixida polo xulgado de instrución número 5 de Vigo. A parella detida xa está en prisión e a operación segue aberta. Posiblemente formaban parte dun grupo maior e intentan dar con máis implicados.

O inspector Abreu explicou na súa comparecencia que a heroína "é raro que chegue por mar". "Case todas as operacións son con ocultación en coches ou camións con dobres fondos", dixo.

Nos últimos dez anos desde a comisaría da Policía Nacional en Pontevedra incautáronse de 236 quilos de heroína. "É unha auténtica barbaridade", di o inspector que di que explica que esas grandes cantidades teñen unha explicación: ás organizacións internacionais gústalles tratar cos narcos galegos porque "son serios traballando".

A operación foi saudada polo comisario xefe de Pontevedra, Juan José Díaz Jiménez, e pola subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que felicitaron os axentes que a levaron a cabo.

Larriba dixo que a retirada do mercado desta droga "é saúde". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade