González Formoso: "Toca ser responsables, arremangarse e dar un paso adiante"
González Formoso: "Toca ser responsables, arremangarse e dar un paso adiante"
O secretrario xeral do PSdeG presenta a súa candidatura á reelección como alcalde das Pontes e defende a necesidade de facelo polos proxectos industriais estratéxicos que nos próximos anos vai afrontar a vila
"As Pontes e Galicia xogan moito", asegurou este venres Valentín González Formoso no momento en que anunciaba a súa candidatura a repetir como alcalde.
"Anuncio a miña candidatura tras unha reflexión", aseguraba Formoso, quen fixo fincapé no proceso de transformación en que está inmersa a vila. "Comprometémonos co futuro industrial da vila", dixo.
"Hoxe enriba da mesa hai proxectos estratéxicos", explicaba o secretario xeral do PSdeG, que citaba investimentos previstos nas Pontes relacionados co sector forestal, o enerxético e da automoción, e que cifrou en 1.400 millóns de euros.
"Xogan moito As Pontes e Galicia", insistía Valentín González Formoso, "e require arremangarse e dar un paso adiante. Comprometerse co futuro industrial".
O secretario xeral dos socialistas galegos e tamén presidente da Deputación da Coruña quixo separar esta decisión de calquera outra sobre o futuro orgánico do PSdeG e dunha posible candidatura á Xunta de Galicia.
"Estamos nun momento complexo", asegurou, "é evidente que estamos ante unhas eleccións municipais e toca dar un paso adiante".
"Os veciños decidirán"
Tamén destacou que toma a decisión con independencia, sen presións da dirección do PSOE. "O partido ten a súa autonomía e respectan as decisións que tomamos pensando nos intereses dos galegos e galegas", asegurou.
"É absolutamente responsable dar un paso adiante polo futuro de Galicia e das Pontes, sen acomodarnos, e os veciños decidirán", asegurou Formoso á pregunta sobre como van acoller os votantes a súa candidatura sen desvelar se vai ser alcalde durante toda a lexislatura.
"Non hai maior respecto que deixar que eles decidan de forma directa", concluíu.
"Hai que ir paso a paso e compatibilizar os cargos. O que estou facendo día a día", concluíu Valentín González Formoso.
Gonzalo Caballero: "Galicia é moito máis que as Pontes"
Pola súa banda, o seu predecesor no cargo á fronte do PSdeG Gonzalo Caballero declarou respectar a decisión do líder socialista, aínda que engadiu que "Galicia é moito máis que as Pontes, o modelo económico e ecolóxico das Pontes non é extrapolable a Galicia".
"Toda a miña forza e ánimo está en que o PSdeG acerte no se rumbo e sexa máis forte polo ben dos galegos e galegas", concluíu Caballero.
Paula Prado: "Demostra que prefire renunciar a Galicia"
A secretaria xeral do PPdG, Paula Prado, di que a decisión de González Formoso de presentarse de novo á alcaldía das Pontes demostra que o PSOE non ten recambio nos concellos.
"Demostra que prefire renunciar a Galicia, que prefire seguir sendo unha delegación de Sánchez", di Prado.
Prado cre que Formoso antepón os intereses do partido aos dos veciños. "Non é capaz de dar explicacións das crises internas que teñen, sobre todo, nas cidades, onde vemos u chorro de dimisións de cargos socialistas", critica a popular.