Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia: "É previsible que nas próximas semanas se decreten máis situacións de prealerta pola seca en concas da zona atlántica"
Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia: "É previsible que nas próximas semanas se decreten máis situacións de prealerta pola seca en concas da zona atlántica"
Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia: "É previsible que nas próximas semanas se decreten máis situacións de prealerta pola seca en concas da zona atlántica"
O xerente de Augas de Galicia, entidade pública autonómica que se encarga da xestión hidráulica en Galicia, avanzou nunha entrevista en A crónica fin de semana que a partir do luns comezarán a reunirse un por un con todos os concellos afectados pola declaración de prealerta nas concas dos ríos Tambre e Grande para tratar con eles as medidas preventivas que cómpre tomar ante a escaseza de auga.
Gonzalo Mosqueira explicou que nos últimos días detectouse "unha redución significativa do caudal dos ríos, por exemplo, no Tambre é dun 50 % no último mes, e iso fai que haxa risco de que non se poida satisfacer a demanda de auga".
Mosqueira avanzou que todos os concellos que se nutren dos dous ríos nos que o venres se activou a prealerta "serán convocados a próxima semana para ver solucións e alternativas, ir concretando e identificar os usos da auga que non son imprescindibles para reducilos ao máximo e non ter que facer cortes". Serán reunións "concello a concello, porque cada municipio ten o seu sistema de abastecemento e as súas particularidades".
Ademais, o xerente de Augas de Galicia cre que nos próximos días, de manterse a falta de chuvias, "pode haber máis concas da zona atlántica nas que haxa que activar a situación de prealerta, porque asistimos a un empeoramento no caudal circulante dos ríos nesa área."
En relación á perspectiva dos encoros para os vindeiros meses, Gonzalo Mosqueira sostén que "a clave vai ser en que momento cheguen as chuvias do outono: se se producen a finais de setembro haberá recuperación hídrica, pero se chegan en novembro ou decembro a redución do caudal pode ser relevante e haberá que tomar medidas nos concellos que se abastecen de encoros."
O xerente de Augas de Galicia considera que, polo de agora, as cidades da Coruña e Vigo non van ter problemas de subministración: "Abastécense de encoros que teñen un bo nivel de agua, polo que non é previsible situacións de alerta a día de hoxe". En canto a Santiago, precisou que, malia abastecerse dun río que está en prealerta, "augas arriba hai dous encoros -os de Vilaudín e Vilasenín- que teñen certa capacidade para levar máis auga ao Tambre e suplir necesidades".