Gran final do Concurso de Cociña de Aspace-Galicia
Gran final do Concurso de Cociña de Aspace-Galicia
O certame busca fomentar a creatividade, responsabilidade e autonomía das persoas con parálise cerebral
"Moi contenta e un pouco nerviosa", di Antía Iglesias.
"Contentos de chegar ata aquí. Foiun concurso moi intenso, pero estamos moi contentos e moi tranquilos", engade Samuel Botana.
Eles dous son participantes desta gran final da sétima edición do Concurso de Cociña Aspace-Galicia.
"Fixemos unha semifinal en Vigo, en Pontevedra e outra na Coruña. Hoxe tamén hai aquí representantes de Lugo. Hai moita emoción e moito nivel", explica Nacho Pérez, xerente da Federación Aspace-Galicia.
Agora compiten por facerse co premio ao mellor prato elaborado con tenreira galega, como produto estrela, tanto na modalidade de prato principal coma de formato triturado ou texturizado.
"Imos facer tacos de culata galega á mexicana", explica Antía Iglesias.
"Gonzalo axuda máis na parte técnica escribindo a receita na tableta e Antía cociña comigo", argumenta Yoa Pérez, coidadora.
Todos cociñaron moi concentrados, animados polos seus compañeiros e baixo a atenta mirada dos membros do xurado.
"Hai que xulgar aquí unha morea de pratos, e o nivel está alto. Vaise valorar o sabor e a presentación, pero tamén a participación activa dos participantes", di Xavier Rodríguez, xefe de cociña do Cátering Boketé e membro do Grupo Nove.
"Son cidadáns de pleno dereito con capacidade para facer calquera cousa que se propoñan no seu día a día", conclúe Nacho Pérez, xerente da Federación Aspace-Galicia.
Os gañadores do certame recibiron lotes de produtos gourmet.