Greenpeace desprega unha pancarta en contra de Altri na catedral de Santiago
Greenpeace desprega unha pancarta en contra de Altri na catedral de Santiago
Escaladores da organización ecoloxista colocaron a faixa na balconada do museo, fronte a sede da Presidencia da Xunta no Pazo de Raxoi
Patrimonio analiza posibles danos no edificio
Greenpeace e Ecoloxistas en Acción chaman a cidadanía a rodear o edificio administrativo da Xunta en San Caetano este domingo nunha nova acción de protesta
Escaladores de Greenpeace despregaron esta mañá unha gran pancarta na balconada do museo da catedral de Santiago de Compostela co lema "Altri non", en sinal de rexeitamento ao proxecto desta compañía portuguesa para instalar en Palas de Rei (Lugo) unha macrocelulosa.
A protesta, que contou co apoio de Ecoloxistas en Acción, realizouse ante a atónita mirada dos turistas e peregrinos que estes días frecuentan a compostelá praza do Obradoiro,
A faixa quedou colocada fronte o edificio que alberga a sede institucional da Presidencia da Xunta. O obxectivo: esixir ao Goberno galego que non conceda a autorización ao proxecto da compañía portuguesa Altri.
O proxecto está a provocar un gran rexeitamento social e científico porque -segundo as organizacións ecoloxistas- ameaza parte da Rede Natura 2000 galega e pon en grave perigo a agricultura e a pesca.
Greenpeace e Ecoloxistas en Acción denuncian os devastadores efectos que esta enorme fábrica tería nunha zona de elevado valor ambiental, económico e social, e piden que non se destinen fondos públicos para a súa construción.
"Hoxe vimos fronte á sede da Presidencia e ao museo da catedral que garda pezas valiosísimas, igual que A Ulloa, onde tamén se garda un museo natural valiosísimo", afirmou o coordinador de Greenpeace en Galicia, Manuel Santos.
O vindeiro domingo, 30 de xuño, as organizacións ecoloxistas organizarán unha nova mobilización contra o proxecto de Altri, nunha convocatoria que busca reunir miles de persoas para rodear o complexo administrativo da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela.
Sobre esta acción de Greenpeace falou María Jesús Lorenzana. A conselleira de Economía e Industria lamenta que Greenpace usase o patrimonio cultural deste xeito para a súa protesta. E sinala que á organización ecoloxista lle falta información sobre o proxecto de Altri porque se nega a recibila.
Patrimonio analiza posibles danos no edificio como consecuencia da acción reivindicativa. No Arcebispado, de momento, non teñen constancia de estragos.