O caso de Déborah segue sen xuízo no vinte e un aniversario da súa morte
O caso de Déborah segue sen xuízo no vinte e un aniversario da súa morte
O avogado da familia coida que non haberá vista oral e ve complicado conseguir novos datos do móbil
Amósase moi pesimista sobre a posibilidade de que alguén responda dos erros na investigación
O 30 de abril de hai vinte e un anos foi o último que a viguesa Déborah Fernández foi vista con vida. O seu cadáver apareceu dez días despois nunha gabia do Rosal cun escenario "fabricado" ou distorsionado inzado de probas falsas.
Parcialmente arquivado, agás no que atinxe ao seu exmozo, único imputado, o caso está en tempo de desconto: ou hai un xuízo ou un arquivo global. En ambos os dous casos é moi previsible que afloren novas informacións.
Ignacio Amoedo, avogado da familia de Déborah, considera que é un día triste. Coida que non haberá xuízo e menos penal e amósase moi pesimista sobre a posibilidade de que alguén dea contas polos erros cometidos na investigación.
Tampouco confía en que os políticos que expresaron o seu apoio á familia en declaracións aos medios cumpran algún día esa promesa.
Difícil tamén lle parece que se consigan datos novos do móbil da moza que sorprendentemente apareceu nunha comisaría en setembro do ano pasado cando se chegou a dicir que nunca se entregara, nin do ordenador agora en poder da Garda Civil despois de que a prestixiosa Lázarus Tecnology constatara un borrado exhaustivo do dispositivo.
Para a familia e os seus avogados estamos diante dun homicidio ou dun asasinato. Así consta tamén nos informes do recoñecido forense Aitor Curiel; un perito que a defensa do imputado non quere que declare nos xulgados de Tui.