Hugo Mallo nega que lle tocase os peitos á muller que facía de mascota do Español
Hugo Mallo nega que lle tocase os peitos á muller que facía de mascota do Español
A muller, en cambio, afirmou que as mans do xogador foron aos seus peitos
A Fiscalía pide para o futbolista unha pena de 24 meses de multa, a razón de 12 euros ao día, e a acusación particular, outra multa de 24 meses, a razón de 20 euros diarios
O futbolista Hugo Mallo negou tocarlle os peitos á muller que facía de mascota do Español antes dun partido de LaLiga entre o equipo branquiazul e o Celta disputado o 24 de abril de 2019, alegando, tras visionar varios vídeos dese momento, que unicamente puxo as súas mans na cintura da presunta vítima.
A muller, en cambio, afirmou que as mans do xogador foron aos seus peitos. Mallo foi xulgado este martes na Cidade da Xustiza de Barcelona por un presunto delito de abuso sexual.
A Fiscalía pide para o futbolista unha pena de 24 meses de multa, a razón de 12 euros ao día, e a acusación particular, outra multa de 24 meses, a razón de 20 euros diarios, ademais dunha indemnización de 1.000 euros por danos á muller da que supostamente abusou.
Os feitos, xulgados hoxe polo Xulgado do Penal número 19 da capital catalá, ocorreron durante o pasamáns de ambos os equipos previo ao encontro ligueiro de Primeira División da tempada 2018-2019 e no que tamén participaron as dúas mascotas do Espanyol: un periquito e unha periquita. A moza que facía de periquita denunciou o exdefensa do Celta por tocarlle os peitos por encima do disfrace.
"O saúdo consistía no típico choque de mans, desde o primeiro ao último xogador. Pero cando chegou á miña altura, non chocou a miña man senón que as súas mans foron aos meus peitos", declarou.
A denunciante explicou que, tras sufrir eses tocamentos, soltou un "cabrón" e púxose detrás do seu compañeiro, a mascota que ía disfrazada de periquito, "totalmente aparvada e descolocada".
O seu compañeiro, que tamén declarou como testemuña, afirmou que posteriormente entrou no vestiario "bastante nerviosa e indignada" e explicoulle que un xogador do Celta lle tocara os peitos.
"Pero eu non presenciei nada; nas imaxes vese que estaba de costas", engadiu.
O lateral lembra que naquel partido, o Celta estaba a "xogar o descenso" e que non estaban "para facer bromas" deste tipo. E menos nun campo de fútbol "cheo de cámaras" e antes dun partido importante para o seu equipo.
"Eu estaba centrado no meu", insistiu o xogador, quen explicou que se decatou da denuncia ao día seguinte.
"Viñeron o presidente e o director xeral do club para dicirmo e, ao principio, pensei que era unha broma. Eles dixéronme que non daban crédito, pero buscaron nas imaxes, xa que se trataba dunha acusación moi grave, e non atoparon nada", relatou