Iago Aspas rexorde coa chegada de Giráldez
Iago Aspas rexorde coa chegada de Giráldez
Desde que Claudio é adestrador do Celta, Iago Aspas é o segundo xogador con mellor participación en goles e asistencias da Liga en 90 minutos
Co seu triunfo ante o Vilarreal (3-2), o Celta deixou practicamente selada a súa permanencia, liderado de novo por un estelar Iago Aspas, quen provocou un penalti, meteu un gol e deu unha asistencia ao grego Tasos Douvikas para pechar o triunfo celeste no minuto 82.
O internacional español, catro veces gañador do Trofeo Zarra, rexurdiu neste 2024 despois dun inicio de curso no que só achegou un gol e catro asistencias nos primeiros 17 partidos de Liga. Penalizado polo xogo táctico e defensivo que implantou Rafa Benítez, a estrela do Celta apagouse no primeiro tramo da tempada.
Aspas non era feliz sobre o céspede, e os seus máis próximos vían preto a súa retirada no caso de que o técnico madrileño cumprise o seu contrato co club, o cal expiraba en xuño de 2026.
Pero en 2024, sobre todo por mor da chegada de Claudio Giráldez ao banco a principios de marzo, viuse a un Aspas diferente, máis rápido, liberado e gozando do fútbol combinativo que busca o seu adestrador, apenas seis meses máis novo que el.
No que vai de ano, Aspas acumula 12 contribucións de gol en 15 partidos (sete goles e cinco asistencias), uns números que o converten no cuarto xogador máis valorado do campionato en canto a achega ofensiva, superado tan só polo noruegués Sorloth (15 créditos) e Vinicius Júnior e Robert Lewandowski (ambos con 13).
Desde que Claudio é adestrador do Celta, Iago Aspas é o segundo xogador con mellor participación en goles e asistencias da Liga en 90 minutos, con 1,19 de media, un espectacular rexistro que só mellora o pichichi do campionato, o dianteiro ucraíno do Xirona Artem Dovbyk (1.24).