Iluminación de altura para a colexiata de Monforte
Iluminación de altura para a colexiata de Monforte
Están instalando un novo sistema de iluminación artística que mudará a imaxe do templo
Os traballos fanse sen andamios para preservar este Ben de Interese Cultural
O que fan no interior da igrexa do Colexio da Compañía de Monforte, un emblema da cidade, é moito máis que un proxecto de iluminación. Están instalando un novo sistema de iluminación artística que mudará a imaxe do templo e busca contar a súa historia a través da luz.
"É unha viaxe desde o que é a propia espiritualidade da liturxia ata o que é a contemplación desde aspectos máis turístico-culturais", explica o arquitecto redactor e director e obra neste proxecto de iluminación, Jesús Castillo.
Conseguilo é un reto de altura. Espeleólogos electricistas traballan con cordas para evitar andamiaxes e chegar aos recunchos co mínimo impacto nun ben coma este de Interese Cultural.
Gema Alonso é unha das electricistas. Especialista en traballos verticais, coma o resto dos compañeiros, cóntanos que "non se pode tradear nunca a pedra. Sempre temos que traballar en xuntas para as fixacións e ter moitísimo coidado porque claro... váleo. O lugar váleo".
Di que teñen que mesturar iluminación de culto, monumental e museística sen mostrar elementos alleos á igrexa.
"Ao final a nosa iluminación é artística. O máis emblemático temos que facelo máis vistoso. Xogamos cos volumes, os ángulos das luces", engade Gema.
Jesús Castillo incide nesta idea "o que temos que facer é ver a luz que producen esas luminarias, pero evitar ver as luminarias que producen a luz. Temos que ver o templo e non ver os artefactos que facemos para a iluminación que queremos conseguir".
E para iso, ben ancorados en liñas de vida, colocan máis de 200 metros de led nas cornixas. E 80 luminarias entre focos nas capelas e lámpadas de alabastro feitas á medida.
"Antes non existía unha iluminación con lámpadas. E tivemos que ver como dotar dunha maior iluminación toda a parte central onde están os bancos, sobre todo para os días de culto. Entón o arquitecto e a empresa de iluminación estiveron traballando en diferentes deseños e fabricáronse só para este proxecto", explica Ramón Castresana, director da Fundación Iberdrola España, que financia o proxecto.
Un cambio de luz, de noventa mil euros que se traducen en eficiencia enerxética e valor patrimonial que acenderán por primeira o próximo 21 de marzo.