Incáutanse de máis de 1.100 quilos de sardiñas en Malpica polo San Xoán
Incáutanse de máis de 1.100 quilos de sardiñas en Malpica polo San Xoán
Axentes do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña aprehenderon 1.116 quilos de sardiña no peirao de Malpica
Axentes da Garda Civil interviñeron 1.116 quilogramos de sardiña en Malpica de Bergantiños polo San Xoán. Os feitos sucederon cando realizaban un servizo de control de capturas en Malpica e observaron como se realizaba desde unha embarcación de pesca unha descarga de sardiñas nas instalacións do porto de Malpica.
Unha vez concluída a operación apagaron as luces do barco e procederon á descarga doutra partida de sardiñas directamente a un camión estacionado nas proximidades, sen realizar a preceptiva pesada.
Procederon entón os axentes a inspeccionar a mercadoría que estaba no vehículo e pedíronlle ao condutor a documentación sobre a carga e o transporte da mesma. Constataron que nas caixas colocara etiquetas de trazabilidade con datos falsos, dado que non pasaran pola lonxa para a pesada e polo tanto carecían de etiquetas.
A Garda Civil confeccionou catro denuncias por supostas infraccións á Lei de pesca de Galicia, por exceso de capturas, por non cumprimentar o diario DEA, por realizar transporte sen documentación e por falsificar datos de trazabilidade.
Comisaron os 1.116 quilogramos de sardiña, entregados despois ao Banco de Alimentos Rías Altas.