Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos catro mortos e catorce desaparecidos no incendio do edificio de Valencia

Polo menos catro mortos e catorce desaparecidos no incendio do edificio de Valencia

Hai catorce persoas que aínda non se puideron localizar 

Os quince feridos, seis deles bombeiros, foron atendidos por queimaduras, fracturas ou inhalación de fume

A voracidade do lume podería deberse ao revestimento de poliuretano da fachada, ademais de ao vento

Xa non se ven lapas, e os bombeiros arrefrían o exterior do inmoble

G24.gal 22/02/2024 18:52 Última actualización 23/02/2024 10:15

As vítimas mortais do incendio dun edificio de Valencia mantéñense en catro, á falta de poder acceder ao interior da estrutura, mentres que as persoas non localizadas sitúanse nestes momentos en catorce, aínda que esta cifra pode ir variando conforme prosigan as investigacións.

Así o sinalaron no Posto de Mando Avanzado situado xunto ao edificio sinistrado a alcaldesa de Valencia María José Catalá e a delegada do Goberno na Comunitat Valenciana Pilar Bernabé, que indicou que no edificio vivían persoas estranxeiras, máis difíciles de poder localizar.

Respecto ás persoas que quedaron feridas neste sinistro, foron atendidas quince, das que só permanecen ingresadas seis, cinco delas bombeiros, pero non corre perigo a vida de ningunha delas, segundo explicou o president da Generalitat Carlos Mazón, quen decretou tres días de loito en toda a Comunidade Valenciana.

As persoas falecidas non foron identificadas ata o momento e estase estudando cando se pode acceder ao interior do edificio, para o que se está sobrevoando con drons e estase asegurando a súa estabilidade con guindastres, dixo a alcaldesa.

A Policía Nacional está a facer un reconto de todos os veciños e ata o momento cifrou en 14 os desaparecidos, precisou a delegada do Goberno, quen agregou que cando se poida acceder ao interior do edificio comezará a procura de cadáveres por parte dos bombeiros xunto á Unidade Militar de Emerxencias.

A Policía Científica da Policía Nacional encargarase da identificación dos corpos e de investigar as causas do sinistro, engadiu Bernabé. Respecto ás 15 persoas que quedaron feridas neste sinistro, só permanecen ingresadas seis -cinco delas bombeiros, con queimaduras e algunha fractura- pero non corre perigo a vida de ninguén, detallou o presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, tamén presente no Posto de Mando Avanzado.

Mazón decretou tres días de loito en toda a Comunitat Valenciana, onde as bandeiras dos edificios oficiais ondearán a media hasta, e explicou que xa traballan en dous decretos, coordinado co Concello de València, de medidas de axuda ás persoas afectadas.

O primeiro decreto, explicou o president en declaracións aos medios de comunicación, céntrase en estender os tres días de loito como consecuencia da catástrofe a toda a Comunitat Valenciana. Respecto diso, Mazón explicou que será cada municipio o que decida ou non manter os actos convocados previamente ao incendio. No caso de Valencia, o Concello suspendeu os actos durante os tres días "pero o resto de consistorios ten a súa autonomía", afirmou. O segundo decreto, que xa se está coordinando co Concello de Valencia, versa sobre o establecemento de medidas económicas para os afectados polo incendio: "Restitución da vida, de vivendas, de cousas...", dixo.

Establecéronse dous puntos de atención, un no lugar do sinistro para atender a familiares de persoas que non foron localizadas, cun equipo social e un equipo de psicólogos, e outro no edificio de Tabacalera do Concello, para atender ás persoas que o perderon todo neste incendio.

Efectivos de bombeiros permaneceron toda a noite refrescando os edificios incendiados na zona de Campanar de Valencia, que a primeira hora da mañá deste venres xa non presentaban lapas.

Os bombeiros seguen esta mañá arrefriando os edificios e a zona permanece acordoada.

A Unidade Militar de Emerxencias despregou 87 efectivos e 38 medios para colaborar nos labores de extinción do incendio nun edificio de catorce plantas de Valencia que este xoves provocou polo menos catro mortos.

Entre os medios atópase o dron Marice 300 que realizou voos no exterior para buscar posibles vítimas, informan fontes do Ministerio de Defensa. Durante esta madrugada seguíanse buscando dezanove persoas desaparecidas a quen os seus familiares non deran localizado desde que comezou o lume.

Os servizos de Emerxencias da Generalitat Valenciana informaron da morte de polo menos catro persoas no incendio que arrasou un edificio no barrio de Campanar. Así o comunicou en conferencia de prensa o seu subdirector xeral Jorge Suárez.

O lume devorou o inmoble, con dous bloques de catorce e dez plantas e máis de 135 vivendas.

Atención psicolóxica

Os Servizos de Emerxencias informan de que se activou un equipo de atención psicolóxica para atender os afectados no hospital de campaña. Son cinco psicólogos e un traballador social.

A petición da Generalitat de Valencia, mobilizouse a Unidade Militar de Emerxencias (UME) para colaborar nas tarefas de rescate e nas de extinción.

Polo que transcendeu, o incendio comezou contra as cinco da tarde nunha das vivendas e propagouse en pouco tempo pola estrutura.

Xa non se ven lapas

O edificio onde se declarou quedou reducido ao esqueleto e os bombeiros tardaron horas en sufocar as lapas. Agora non se ven lapas e traballan arrefriando o exterior porque aínda non puideron entrar.

A vicepresidenta do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Valencia (Cogitival), a especialista que peritou o edificio, Esther Puchades, atribuíu a voracidade do lume ao revestimento de poliuretano da fachada.

En declaracións á televisión pública valenciana À Punt, explicou que baixo as pezas de aluminio colocadas na fachada hai poliuretano, un produto "totalmente inflamable, que é o que provocou a expansión das lapas en menos de media hora".

Había refachos de vento de 60 quilómetros por hora.

Valencia suspende os actos das fallas ata o domingo

Os actos das fallas que estaban programados na cidade de Valencia ata o domingo, incluída a crida con que se dá inicio á festa, quedaron suspendidos polos tres días de loito que se van declarar polo incendio que deixou de momento catro persoas falecidas.

Así o comunicou a Xunta Central das fallas, que explicou que se está traballando para buscar novas datas en que recolocar os diferentes actos suspendidos, entre os que figuran os que se organizaron para este domingo: a macrodespertà, a mascletà na Praza do Concello e a crida desde as Torres de Serranos.

A Xunta Central trasladou o seu apoio ás familias afectadas e ás persoas que traballaron para extinguir o devastador incendio que afectou a dous edificios do barrio de Campanar.

O presidente da Generalitat e os conselleiros anulan a axenda

O presidente da Generalitat Valenciana Carlos Mazón e o resto de consellers anularon a axenda prevista este venres polo incendio que arrasou este xoves dous edificios no barrio de Campanar de Valencia.

O xefe do Consell, xunto a outras autoridades, como a alcaldesa de Valencia María José Catalá e a delegada do Goberno Pilar Bernabé, desprazouse ata o lugar da traxedia, os inmobles situados na rúa Maestro Rodrigo da cidade. 

Consternación e preocupación do presidente do Goberno e do líder do PP

O presidente do Goberno Pedro Sánchez amosou a súa consternación e ofreceulles ao presidente da comunidade Carlos Mazón e á alcaldesa de Valencia María José Catalá toda a axuda necesaria.

Consternado ante el terrible incendio en un edificio de Valencia.

Acabo de hablar con el presidente @carlos_mazon_ y la alcaldesa @mjosecatala para conocer de primera mano la situación y ofrecer toda la ayuda que sea necesaria.

Quiero trasladar mi solidaridad a todas las…

Tamén o líder do PP Alberto Núñez Feijóo amosou a súa preocupación e trasladou o seu apoio e confianza nos profesionais que atenderon a emerxencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade