Publicador de contidos
Publicador de contidos

Incerteza entre os transportistas polo futuro da bonificación dos carburantes

Incerteza entre os transportistas polo futuro da bonificación dos carburantes

O sector pide concreción ao Goberno a tres semanas de que expire a medida

A previsión é que se modifique e se dirixa aos sectores máis afectados pola suba dos combustibles

 

G24.gal 09/12/2022 14:27

O prezo do petróleo contívose nas últimas semanas, pero segue caro, segundo os transportistas. Din que cos prezos actuais seguen asumindo un sobrecusto de 1.500 euros mensuais con respecto ao que pagaban en xaneiro. A previsión é que eles sigan recibindo a bonificación dos 20 céntimos en xaneiro, pero non teñen nin a confirmación nin os detalles.

"Estamos preocupados, nesta data teriamos que saber que a prórroga é unha realidade e o procedemento polo cal imos poder seguir recibindo a axuda dos 20 céntimos, que para nós é crucial" explica María Cruz Álvarez, xerente de Asetranspo-CETM Pontevedra.

Se finalmente se benefician da axuda, as gasolineiras terán que distinguir entre clientes profesionais e particulares para facer o desconto. Por iso, desde algunhas asociacións propoñen que a axuda se xestione como a do gasóleo profesional, sempre que non queden fóra os vehículos de menor tonelaxe.

"O procedemento do gasóleo profesional pode ser unha solución para as gasolineiras, pero a nós, se isto se fai, preocúpannos os pequenos. Os vehículos de menos de 7.500 quilos non están dentro desta figura tributaria" aclara María Cruz Álvarez.

Pola súa banda, desde as gasolineiras tamén queren detalles canto antes do futuro da bonificación. Temen que, se desaparece para particulares, se formen avalanchas de clientes na última semana do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade