Incorporan novas gravacións ilícitas, de contido sexual, ao caso da Maruxaina
Incorporan novas gravacións ilícitas, de contido sexual, ao caso da Maruxaina
Nos vídeos pódense ver parellas practicando sexo na praia de San Cibrao
A demanda inicial do caso da Maruxaina, en que se denunciaba a gravación de mulleres ouriñando nas festas de San Cibrao, ampliouse coa incorporación de novo material. Trátase de gravacións de parellas practicando sexo, presumiblemente na praia desta vila mariñá.
Ao igual que os vídeos das miccións, estoutros tamén foron compartidos en páxinas pornográficas e tamén foron denunciados polas mulleres que aparecen neles. Supostamente, a algunhas persoas mesmo se lles recoñece a cara, o que resulta aínda máis grave para o colectivo de afectadas.
Jasone Lorenzo, voceira de Mulleres en Igualdade: "Hai uns vídeos de relacións sexuais mantidas na praia de San Cibrao nas festas da Maruxaina, en que as propias vítimas se ven recoñecidas debido á calidade das imaxes. Para nós, confírmanse os nosos peores presaxios".
O caso abrírase ao denunciaren máis de 30 mulleres que foran gravadas ouriñando na vía pública na festa da Maruxaina de 2019. Tras ser arquivado, as denunciantes recorreron e a Audiencia Provincial de Lugo ordenou a súa reapertura.
Jasone Lorenzo, voceira de Mulleres en Igualdade: "No primeiro trimestre de 2022 van declarar as 34 vítimas que presentaron denuncia. Tamén está requirindo información sobre o coche alugado, posto que eses días precisaba un permiso especial para estar o coche onde estaba".
Os últimos vídeos incorporados ao caso aparecen en Internet ligados a outros que foran gravados na localidade asturiana de Pravia, tamén nunha romaría multitudinaria.