Publicador de contidos
Publicador de contidos

Indignación en Ribeira tras aparecer case medio cento de coches raiados

Indignación en Ribeira tras aparecer case medio cento de coches raiados

A Policía Nacional e a Local abriron unha investigación

G24.gal 02/10/2023 16:08 Última actualización 02/10/2023 16:20

Un, dous, tres, catro..., así ata medio cento de coches. Os que estaban estacionados nas rúas Fernández Oujo e Cordieiro, en pleno centro da vila de Ribeira. Os autores despacháronse a gusto contra os vehículos aproveitando a noite. O desgusto e a rabia chegaron pola mañá e fóronse contaxiando entre os veciños.

"Sei que xa veu a policía ás 5 da mañá, que xa houbo xente que notificara iso antes, que nos reunimos aquí e os danos foron cuantiosos", dicía Xosé Manuel, un veciño.

"É unha zona moi conflitiva porque aí había un punto de venda de droga, que xa o desmantelaron hai un tempo, pero segue habendo xente vivindo, segue habendo ocupas", manifestaba Hugo, outro veciño afectado.

E é aí onde sitúan o problema os veciños, que formalizaron ducias de denuncias. A Policía Local e Nacional abriron unha investigación para tentar clarexar o sucedido. Os afectados gardan poucas dúbidas ao respecto.

"Este tipo colleunos manía a todo o barrio porque non lle deixamos facer os 'trapicheos' que quería facer, e rebentounos a todos os coches", dicía Hugo.

Un maior control policial e vixilancia parecen ser os únicos medios para pacificar a situación neste momento.

Xosé Manuel pedía "a esta xente que a boten de aquí, que non pode ser que te metas aquí, ocupas e non podes facer nada".

Hugo engadía: "se o vemos por aquí, vai haber bulla, vai acabar mal".

Os ánimos están caldeados, sobre todo entre aqueles veciños que terán que afrontar integramente o custo dos danos ao non ter pólizas a todo risco. Agardan que a tensión non vaia en aumento e temen que alguén tome a xustiza pola man.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar