As familias do Pitanxo pídenlle ao xuíz que ordene o regreso do Ártabro
As familias do Pitanxo pídenlle ao xuíz que ordene o regreso do Ártabro
Consideran que o barco partiu sen todas as garantías ao non ter o visto da Audiencia Nacional
A ministra de Transportes asegura que foron respondidos todos os "requirimentos e peticións de información"
O barco que buscará o Pitanxo prevé completar a expedición antes de que termine xuño
As familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo pediron este xoves ao xuíz que investiga as circunstancias deste sinistro que reclame ao Goberno o regreso da expedición que partiu o pasado mércores para buscar os restos do barco sen que o maxistrado dese antes a súa aprobación.
Tras coñecer poucas horas antes a partida da devandita expedición, o titular do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, dirixiuse ao Ministerio de Transportes, organismo do que depende a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), para reiterar que a coordinación da baixada ao pecio compete á Audiencia Nacional, como xa fixo nun escrito do pasado 9 de maio.
Deu ademais traslado deste escrito ás partes acudidas para alegacións, e este xoves os familiares das vítimas mortais do naufraxio, ocorrido o 15 de febreiro de 2022 en augas próximas á illa de Terranova (Canadá), reclamaron que regrese a expedición posta en marcha polo Ministerio e que se depuren as correspondentes responsabilidades por esta decisión.
Ademais de non autorizar a partida desta expedición, o xuíz tampouco foi informado sobre os peritos que a integran, xa que ademais estaba aínda pendente que se pronunciase acerca da viabilidade de que se nomease un perito de parte, e descoñece quen son finalmente os peritos que van no barco, que partiu do porto de Vigo.
Ademais, antes de que partise o barco fretado por Transportes, o buque Ártabro, o xuíz pedira que se lle achegase documentación sobre esta embarcación, e o mesmo mércores recibiu unicamente o contrato asinado coa empresa propietaria do buque e unha ligazón en que se supón que está a documentación que reclamaba.
O maxistrado está aínda pendente de que se pronuncie sobre este asunto o fiscal do caso para decidir sobre a iniciativa adoptada polo Ministerio de Transportes e a petición dos familiares.
A CIAIM informou o mércores ao xuíz nun oficio da partida do barco ese mesmo día "para a operación de localización e toma de imaxes do pesqueiro".
Pouco despois, as familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio tacharon xa de "unilateral" a decisión da CIAIM e alertaron de que "pon en perigo" a validez das probas que se atopen, segundo indicou o seu portavoz, María José de Pazo.
Na mesma liña na que se pronunciou o maxistrado, denunciaron que a saída do buque "debe ser acordada co xulgado" e reprocharon que a CIAIM estea a facer "caso omiso" aos requirimentos da Audiencia Nacional.
O barco que buscará o Pitanxo prevé completar a expedición antes de que termine xuño
A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) prevé que o buque que buscará os restos do Villa de Pitanxo en Terra Nova complete a expedición e regrese a España antes de que termine o mes de xuño.
Nun comunicado, a comisión explica que, en función das condicións meteorolóxicas, as operacións de localización e inspección na zona poderanse prolongar ata vinte e cinco días.A este período habería que sumar as dúas semanas de navegación de ida e volta desde Vigo.
A bordo do Ártabro, aclara a CIAIM, ademais da súa tripulación e do persoal necesario para a operación dos equipos de procura e inspección submarina, vai embarcado un membro da comisión. Xunto a el vai tamén un representante da Axencia Europea de Seguridade Marítima, que participa nas operacións como observador.
Ademais, subliña que a eles súmase un perito xudicial, designado polo Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, para participar nas operacións "no marco das actuacións xudiciais que levan nese xulgado por este accidente".
A expedición debe contar coa intervención dos peritos xudiciais e das partes e da propia CIAIM, e consiste en rastrexar unha superficie de 25 quilómetros cadrados cada día e, unha vez atopado o pecio, enviar un robot submarino para tomar imaxes dos restos.
A compañía viguesa ACSM Shipping foi a adxudicataria do contrato licitado polo Ministerio de Transportes para realizar estes traballos, que custarán 2,85 millóns de euros.
Raquel Sánchez asegura que foron respondidos todos os requirimentos
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, trasladou este xoves en Galicia a "colaboración total e absoluta" do Goberno coa Audiencia Nacional e desexou que o "labor de investigación se desenvolva con éxito".
A preguntas dos medios durante un acto de campaña do PSOE en Ferrol, indicou que a CIAIM "é independente funcionalmente do Ministerio", do que dixo que participou "asumindo o custo da contratación do robot" necesario para os labores encargados.
"Transportes vai colaborar sempre que sexa preciso coa Audiencia, de quen depende agora toda a investigación", manifestou Sánchez, para incidir a continuación en que foron respondidos todos os "requirimentos e peticións de información".
Sánchez trasladou finalmente o seu desexo de que a "autoridade xudicial e as familias consigan aquelas probas precisas que axuden a esclarecer os feitos" que provocaron a morte de 21 mariñeiros.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu tamén nesta xornada o regreso a porto do barco. Desde a tribuna do Congreso, o político nacionalista reclamoulle ao Ministerio de Transportes unha "rectificación urxente" tras autorizar a saída do buque Ártabro "para non estragar todo e evitar que a expedición de investigación sexa en balde". "O barco debe volver para garantir a fiabilidade das probas na baixada ao pecio do Villa de Pitanxo", sostivo o deputado nacionalista.
Néstor Rego lamentou a actitude do Goberno por "negarse a colaborar" coa Audiencia Nacional e "desatender" oito requirimentos do xulgado, un deles cunha orde de non saír cara ao Canadá "sen que estivesen a bordo todos os peritos xudiciais".