InnovatechFP conecta alumnos e empresas para a busca de solucións técnicas innovadoras

Dez empresas galegas destacadas en diferentes sectores e máis de 800 alumnos da FP dual forman parte do proxecto 

Conferencia de InnovatechFP
G24.gal 01/12/2023 14:13

Os estudantes afrontan o reto de atopar solucións tecnolóxicas aos desafíos que lles marcan as compañías. O horizonte é que eses inventos se acaben materializando en novos proxectos empresariais. É o proxecto InnovatechFP, que se emprende por primeira vez en Galicia.

Son dez empresas, cada unha delas é destacada no seu sector. En Viaqua lanzan o reto de idear un sistema de autolimpeza das reixas das fosas sépticas. Os de Pérez Rumbao píndelles aos alumnos un robot para repartir recambios. Tamén hai desafíos que implican os sectores téxtil e tecnolóxico.

"A creación dunha colección Cápsula Reciclada con materiais téxtiles procedentes de temporadas pasadas que están en stock nos nosos almacéns e por outra parte xunta a innovación e a tecnoloxía para que esta colección a poidan presentar a través dunha app", explica María Alcalde, a Directora de Comunicación e Márketing de El Pulpo.

Os equipos deben ser mixtos para reducir a fenda de xénero entre as FP tecnolóxicas e as que son máis do sector servizos, e por outra banda teñen que ser proxectos que teñan posibilidades de desenvolvemento no rural.

Os dez empresarios que participan apelan á responsabilidade social. Din que colaborar co sistema educativo favorece a innovación e a retención de talento. 

Os alumnos teñen a oportunidade de se formar en desafíos prácticos e traballar man a man nas contornas da empresa, cuns requisitos.

 "Estamos a falar de dez empresas moi significativas e da implicación de 80 centros educativos e case 800 alumnos, que van facer proxectos para resolver os retos que lles propoñen esas empresas", detallou Román Rodríguez, Conselleiro de Educación.

Segundo os datos da Consellería de Educación, na FP dual galega o 97 % dos alumnos conseguen emprego, a maioría das veces nas empresas onde fixeron as prácticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade