Publicador de contidos
Publicador de contidos

Intensifícanse os ataques informáticos no mundo tras a ofensiva rusa sobre Ucraína

Intensifícanse os ataques informáticos no mundo tras a ofensiva rusa sobre Ucraína

O presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia asegura que en Rusia existe un verdadeiro exército no ámbito dos ciberataques

G24.gal 03/03/2022 09:07

O presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia Fernando Suárez recoñeceu na Radio Galega que a guerra de Ucraína multiplicou o risco de sufrir unha guerra cibernética. 

Neste momento, os ciberataques globais poden afectar a calquera parte do mundo. Ás veces, tras eles pode haber empregados descontentos, e noutras, como neste caso, pode existir unha auténtica estratexia gobernamental que se dedica a divulgar campañas de desprestixio para xustificar a invasión rusa sobre Ucraína.

"Neste caso non son hacktivistas, non son persoas que actúan a título propio, senón que hai unha estratexia gobernamental detrás. Hai un verdadeiro exército no ámbito dos ciberataques que é difícil de contrarrestar".

Hai uns días, o grupo de ciberactivistas Anonymous declarou a guerra cibernética contra Rusia. Recoñeceu ter atacado páxinas web do Goberno ruso e do canal de noticias RT News, que emite en inglés e ruso, e imposibilitar o seu acceso.

Como protexerse dun ciberataque? O presidente do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia asegura que calquera pode ser vítima dun ciberataque. Non só particulares; tamén administracións, entidades bancarias, empresas e mesmo infraestruturas claves como as centrais eléctricas, que poderían deixar sen luz poboacións enteiras.

Fernando Suárez cifra en trinta mil o número de profesionais expertos en ciberseguridade que necesitaría España. Para evitar ser vítima dun ataque informático, este experto fai varias recomendacións: evitar acceder a ligazóns descoñecidas, cambiar periodicamente os contrasinais, aplicar pasos de seguridade, ter actualizados os equipos, cumprir co esquema nacional de seguridade e, sobre todo, aplicar o sentido común.

Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade