Deteñen tres hackers prorrusos por ciberataques a ministerios españois polo apoio a Ucraína
Deteñen tres hackers prorrusos por ciberataques a ministerios españois polo apoio a Ucraína
Os obxectivos dos danos informáticos eran institucións e sectores de empresas que apoiaron a Ucraína
A Garda Civil relaciona os arrestados co grupo Noname057 (16), responsable, entre outros, de varios intentos de sabotaxe durante as eleccións do 23X
Axentes da Garda Civil arrestaron a tres persoas en Manacor, Huelva e Sevilla pola súa presunta participación en ciberataques contra institucións públicas e empresas estratéxicas de España e outros países da OTAN que apoian a Ucraína no marco do conflito bélico derivado da invasión rusa.
Os detidos participarían, informa a Garda Civil, na realización de ataques de denegación de servizos (DDoS) organizados polo grupo hacktivista NoName057(16), que naceu tras o estalido do conflito bélico e que ameaza con responder "proporcionalmente en resposta ás accións hostís e abertamente antirrusas dos rusófobos occidentais".
Estes ataques, nos que se empregou un software desenvolvido por NoName057(16), dirixíronse contra institucións públicas e empresas de sectores estratéxicos de países que se posicionaron a favor de Ucraína.
Tras as detencións, a Garda Civil procedeu ao rexistro dos domicilios destas persoas e á intervención de diverso material informático e documental de interese. A investigación foi coordinada pola Fiscalía de Sala de Criminalidade Informática e a Fiscalía da Audiencia Nacional, onde se incoaron as dilixencias previas que deron orixe ás detencións.
A Garda Civil indica que continúa con varias liñas de investigación para seguir identificando a participantes nos ataques.