Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interceptado un veleiro británico con 2.000 quilos de cocaína a 30 millas de Santander

Interceptado un veleiro británico con 2.000 quilos de cocaína a 30 millas de Santander

Os tripulantes, un español, dous venezolanos e un colombiano, non opuxeron resistencia

O veleiro estaría nesas coordenadas esperando realizar un transbordo da droga

A embarcación ía sen luces e sen sistemas de localización

G24.gal 02/08/2023 14:56

O Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, a Garda Civil e a Policía Nacional localizaron este mércores, a 30 millas náuticas de Santander, un veleiro con bandeira de Reino Unido que levaba no seu interior 2.000 quilos de cocaína, valorados nuns 70 millóns de euros.

Segundo informaron dende o Servizo de Vixilancia Aduaneira, o veleiro foi interceptado no mar e trasladado ao porto de Santander para a súa custodia tras unha operación excepcional na costa do Mar Cantábrico.

Nun comunicado, a Garda Civil engade que este barco, tipo sloop e con nome Night Falls, foi localizado nesa operación internacional na que participou o Centro de Análise e Operacións Atlántico, o Centro de Intelixencia Contra o Terrorismo e o Crime Organizado e a Axencia Nacional do Crime de Reino Unido (NCA, nas súas siglas en inglés).

Os tripulantes, un español, dous venezolanos e un colombiano, non opuxeron resistencia cando foron abordados esta madrugada e recoñeceron que levaban droga, despois de que se comprobase que había por toda a embarcación "unha cantidade importante de fardos".

O veleiro, de 13 metros de eslora, non levaba un rumbo determinado, segundo sinala a Garda Civil, que di que a droga pode chegar do tráfico ilícito de estupefacientes de Suramérica e o barco "acabaría de cruzar o Atlántico para arribar a costas españolas".

O que non tivese un rumbo fixo resultou "moi rechamante, non só polas condicións meteorolóxicas na zona, senón porque coincide coa práctica habitual neste tipo de operacións, nas que as embarcacións que transportan cocaína desde América do Sur ou o Caribe realizan un transbordo a outra embarcación co fin da súa chegada ao destino final para facer máis difícil a súa detección detectada polas autoridades".

A Garda Civil cre que o veleiro Night Falls estaría nesas coordenadas esperando realizar un transbordo da droga, aínda que a súa posición foi comunicada polo Reino Unido despois de estar a buscar a este barco durante dous días.

A embarcación, que ía sen luces e sen sistemas de localización, foi trasladada tras a súa revisión ao porto de Santander tras esta operación, coordinada e dirixida pola Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional.

A Garda Civil recoñece que esta operación é excepcional na costa do Cantábrico, pero é unha máis das que levan a cabo na denominada "ruta Atlántica da cocaína", que usan veleiros procedentes de América do Sur para pasar droga, en metade do Atlántico, a outros barcos que a introducen en Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade